A VIII edición do Trail Ribeira Sacra xa quenta motores. O vindeiro domingo, 13 de outubro, no municipio de Nogueira de Ramuín, citará a 390 deportistas procedentes de 14 comunidades autónomas de España, e de países como Alemaña, Arxentina, Francia, Portugal e Inglaterra.
Mantén o seu percorrido circular con base en Luíntra e 48 km e 3.450 m. de desnivel positivo, no cal corredores de gran nivel tentarán establecer novo récord da proba para poder levar o premio de 600 euros. Para iso deberán rebaixar as 6 horas 18 minutos e 52 segundos en categoría feminina, tempo establecido por Yasmina Castro; e as 5 horas 22 minutos e 25 segundos establecido por Álvaro Escola.
Entre estes corredores daranse cita na liña de saída o subcampión mundial de Skyrunning, Jesús Gil, o grancanario Alejandro Maior, non faltarán á cita José Manuel Gil Bernárdez e Fernando Arca (segundo e terceiro respectivamente en 2023), entre outros moitos destacados atletas galegos. En categoría feminina, Yasmina Castro volve para tentar levar novamente a vitoria, para iso terá que superar a corredoras como Sara García Domingo, María Fabeiro…
Como é tradición celebrarase a Gastroexperiencia TRS, na cal corredores e acompañantes poderán degustar produtos típicos galegos como o polbo da man do recoñecido chef ourensán Paco Gómez, e outros pratos típicos da nosa gastronomía con adaptacións a celíacos e veganos.
O Trail Ribeira Sacra “trata de promocionar Ourense e a Ribeira Sacra a través dunha experiencia única para os sentidos que fusiona: saúde, deporte, natureza, patrimonio e a posta en valor dos produtos da nosa terra. Durante a xornada levarán a cabo presentacións e degustacións de produtos con música en vivo, animacións para todos os públicos e actividades para os máis pequenos”, aseguran dende a organización.
Fotos: Trail Ribeira Sacra.