EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O viño marida coa castaña no “Mes do Amandi”, en Sober

O conxunto de actividades desta edición, que culminará coa XXXVII Feira do Viño de Amandi, presentábase no Miradoiro de Pena do Castelo
Acto de presentación do programa de actividades do “Mes do Amandi” e do cartel da XXXVII Feira do Viño de Amandi no Miradoiro de Pena do Castelo.

Tendo como escenario un dos lugares vitivinícolas máis singulares de Sober, o Miradoiro de Pena do Castelo (Doado), o Concello presentaba na mañá do 4 de marzo o cartel anunciador da XXXVII Feira do Viño de Amandi e o conxunto de actos do “Mes do Amandi”, que a precederán. No acto participaba o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, xunto co propio autor do cartel, o monfortino José Carlos Quiroga Losada, e adegueiros do municipio, que pertence á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ao remate houbo unha degustación de viño de Amandi para os adegueiros presentes, así como para os medios de comunicación convidados.

Os actos do programa principiarán na mesma tarde do sábado 4 de marzo, xa que ás oito no Centro Sociocultural terá lugar un concerto de piano a cargo da pianista malagueña Esperanza Martín López. A actuación servirá para estrear o novo piano de cola adquirido polo Concello de Sober. Ao remate tamén se brindará con viño de Amandi.

Ademais para o día 16 de marzo (de 12:00 a 14:30 h.) haberá unha Xornada de maridaxe de Viño de Amandi con Castaña de Galicia na Escola de Hostalería de Rosende. Na xornada colaboran a Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández e Indicación Xeográfica Protexica (I.X.P.) Castaña de Galicia.

Ademais o 18 de marzo ás 12:00 horas no Centro Sociocultural farase a presentación da Asociación de apicultores da Ribeira Sacra, que terá a súa sede en Sober. E unha das principais novidades do programa será a Cata comentada de viños de Amandi para mulleres embarazadas. Será 0 25 de marzo no Centro Sociocultural e será dirixida por Humberto Loureiro. Tamén haberá unha edición especial nas Merendas con contos da Biblioteca Pública Municipal (o 31 de marzo) e as xornadas “A imaxe dos viños” (A importancia do etiquetado. Deseño, normativa, tendencias e ferramentas) que vai dirixir vinosacra.es. xa o 1 de abril ás 11:30h. no Centro sociocultural, e a de “Estratexias de control do Mildeu na vide” (da pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) o día 6 de abril nese mesmo lugar.

Cartel da XXXVII Feira do Viño de Amandi, no Miradoiro da Pena do Castelo. É obra do monfortino José Carlos Quiroga Losada.

 

Este conxunto de propostas precederán a celebración da XXXVII Feira do Viño de Amandi, que se desenvolverá en Sober na fin de semana do 8 e 9 de abril. A apertura oficial do certame terá lugar ás 12h. do 8 de abril a cargo de Adega MEZQUITA, en lembranza a seu fundador Pedro López Fernández. A mostra incluirá diversas propostas entre as que non faltará a música, concursos, a cata oficial e varias exposicións.

Fotos cedidas polo Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button