ConcellosEn portadaFolgoso de CaurelQuirogaRibas de SilÚltima hora

O Xeoparque Mundial Montañas do Courel aposta por dar un paso máis cun plan de sostibilidade turística

Vén de dar a coñecer o documento que presentara para tratar de conseguir o financiamento do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

 

Facer do Xeoparque Mundial Montañas do Courel un destino sostible único en Galicia. Con este obxectivo traballan os tres concellos lucenses que conforman este xeoparque que conta co selo da Unesco: Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel. E nesa liña presentaban na mañá deste 19 de setembro en San Clodio (Ribas de Sil) a proposta do Plan de Sostibilidade Turística das Montañas do Courel a tres anos que solicitarán ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e que inclúe un orzamento de 3 millóns de euros.

“Con este acto queremos presentar ante a cidadanía o proxecto no que estamos traballando. Debemos elaborar unha estratexia para desenvolver o noso turismo con toda a ilusión do mundo, pero cos pés na terra, facendo un diagnóstico xa que contamos con moitos recursos nun territorio moi pequeno e cunha gran diversidade xeolóxica e debemos poñelos en valor”, destacaba o presidente da Asociación Montañas do Courel, Roberto Castro, na apertura da presentación, na que tamén resaltaba o traballo conxunto dos tres concellos que a integran, “e no que temos que continuar”, así como como o labor do xerente do GDR Ribeira Sacra Courel, Martín Alemparte, encargado da redacción do plan.

 

 

Castro tamén incidía en que este documento vén a marcar a folla de ruta de futuro para este territorio. “Concéndannos ou non as axudas forma parte dos nosos desexos desenvolvelo, pero se logramos ese apoio vai ser todo moito máis sinxelo e rápido”, matizaba. Ademais debullaba os catro piares temáticos nos que se apoia o plan, facendo referencia á teoría dos catro elementos citados polo filósofo grego Empédocles de Agrigento: auga, aire, terra e lume.

Neles afondaba o xerente do GDR Ribeira Sacra Courel, Martín Alemparte, nunha exposición na que partía da diagnose que fai o plan sobre o territorio e que reflicte a situación actual do mesmo (demografía, idade media da poboación, territorio…), así como o grao de aproveitamento dos recursos turísticos e as necesidades turísticas existentes. “A concesión deste plan permitiría obter fondos e desenvolvelo de maneira concentrada nos tres concellos en tres anos”, matizaba.

O plan de actuacións recollido no documento estrúturase nos catro eixos temáticos xa mencionados. O primeiro deles sería o “Aire”, que inclúe unha dinamización e harmonización da rede de 20 miradoiros coas que xa conta o xeoparque, ademais de mellorar en recursos como o parapente e traballar para conseguir ser destino de turismo astronómico Starlight.

 

O presidente da Asociación Montañas do Courel, Roberto Castro.

 

No referente á “Auga” preténdese desenvolver o barranquismo xeolóxico, unha maior en valor da súas 19 zonas de baño e o aproveitamento dos ríos para a práctica da navegabilidade a través de iniciativas como o descenso de augas bravas. No eixo relativo á “Terra” plantexan a consolidación do recurso da minería aurífera e a posta en valor sostible da Devesa da Rogueira, das orquídeas, “un recurso turístico moi exclusivo”, así como a creación dunha ruta das aldeas paleozoicas.

Finalmente, o apartado do “Lume” está centrado na sociedade do Xeoparque das Montañas do Courel que “é a alma mater que permite que este proxecto siga adiante”, incluíndo un programa de concienciación e formación da poboación local con diversas accións.

No acto tamén interviñan a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, quen sinalaba que “colaborando os tres concellos podemos conseguir moitas cousas tendo como base o xeoparque”, e o rexedor de Quiroga, Julio Álvarez, quen considera este plan “un proxecto de futuro para as novas xeracións e, sobre todo, en momentos como o actual. Esperemos que as administracións sexan tan sensibles como somos nós e valoren este proxecto”. Ademais, o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, engadía que “o noso éxito vai depender de que sigamos traballando por ata agora” e ademais agradecía que se escollese San Clodio como lugar facer esta presentación.

Finalmente, José Manuel Arias, presidente do GDR Ribeira Sacra Courel, valorizaba o esforzo conxunto e confesaba “que sinto unha envexa sana do traballo que estades levando a cabo os tres concellos, desa forza e ambición para conseguir cousas para este territorio e en momentos tan complicados”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Foto: Xeoparque Montañas do Courel.

Artigos relacionados

Back to top button