CulturaCulturaÚltima hora

O XI Córgomo Arte contará con 13 artistas e inaugurarase o 9 de decembro

Nesta edición, baixo o título de "Fragmenta", poderán verse 20 obras de diferentes expresións artísticas

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Córgomo Arte XI conta nesta edición, baixo o título de “Fragmenta”; con trece artistas e con 20 obras. Eclecticismo e diversidade tanto no fondo como na forma na que cada un amosa o seu punto de vista sobre a “fragmentación e a subxugación do individuo fronte a unha sociedade que nos anula e dilúe o noso eu máis profundo”, din os organizadores.

A exposición inaugurarase o sábado 9 de decembro, ás 17:00 h., e as súas portas permanecerán abertas ata o 7 de xaneiro. Coma sempre, a exposición poderá verse as fins de semanas e os festivos desde as 10:00 ás 22:00 h.

Ademais de Manuel Conde e Victorino Núñez, “Torino”, promotores deste proxecto que se desenvolverá un ano máis en Córgomo (Vilamartín), toman parte nesta iniciativa os artistas Roberto Álvarez e Noé Blanco, da Rúa; Sabela Mato, ferrolá con raíces valdeorresas; a sarriá Violeta Bernardo; a lucense Sabela Arias; Arturo Ceide, de Monforte; e os mariñáns Julián Bouza, Ignacio Castro “Nachok”, Mauro Leivas, Martín Lestao e Belén Mogo. Tamén participa Patricia Fernández Pazccomo deseñadora do cartel e material gráfico da mostra.

“Xuventude e veteranía a partes iguais, representan a diversidade na que queremos coexistir. Todas e todos eles transitan nesta viaxe introspectiva que lles propuxemos. Achégannos obras con olladas e técnicas moi diferentes. Fotografía, cerámica, tintas e acuarelas, cerámica, deseño dixital, collage, serigrafía, escultura, pintura e debuxo… son as linguaxes escollidas para reflexionar e expresar o seu punto de vista dunha realidade na que participamos todos. Córgomo Arte XI, “Fragmenta”, sinalan os organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button