OurenseÚltima hora

Obituario de José Antonio Viñas Mira, director de Queixumes dos Pinos

Artigo remitido pola Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos

José Antonio Viñas.

 

A escena cultural ourensá lamenta profundamente o falecemento, aos 44 anos, de José Antonio Viñas Mira, un referente do folclore galego, nacional e internacional. Ademais, unha persoa chea de bondade, vitalidade e ilusión, impulsor e defensor da cultura tradicional galega sen fronteiras e trasladándoa por todo o mundo.

Dentro da súa actividade resalta a dirección, durante máis de 25 anos, da Agrupación Folclórica Queixumes dos Pinos, o que lle levou a ser vicepresidente da Federación Internacional de Folclore IGF (World Folclore Union) e ser galardoado co Óscar Folclore Award no ano 2012, premio Rofolfo Prada á xestión cultural no ano 2019, Diploma á excelencia organizativa en 2013 pola IGF (International Union of Folklore Association), Diploma de excelencia do Festival Internacional World Folk Stars en Kosovo no ano 2017, Diploma á excelencia organizativa en 2017 pola IGF (International Union of Folklore Association) polo Festival Internacional de Musica Popular IGF Caravan nos anos 2017 e 2020, Diploma de honra e medalla de ouro da Fundación Luso Galaica en recoñecemento ao labor en defensa da cultura e o folclore de Galicia en 2014, Medalla de ouro da IGF (World Folklore Union) no 2016, entre outros.

A sociedade ourensá nunca poderá agradecerlle o seu traballo como embaixador da cidade e da súa cultura, tanto nacional como internacionalmente, participando en numerosos festivais, congresos, e diferentes proxectos vinculados ao mundo do folclore, como organización festival infantil de folclore galego entre os anos 2000 e 2010, organización festival internacional de folclore xuvenil do 2006 ao 2011, organizador de festival internacional da canción popular IGF CARAVAN dende o ano 2011, participación en congresos internacionais de folclore por todo o mundo dende o ano 2001, organizador de congresos internacionais de folclore en Ourense no ano 2015 e en Telde (Gran Canaria), no 2019, coordinador do proxecto “Interritmos” na comarca de Ourense, organización do proxecto “Contegra” de integración xuvenil a través do programa Erasmus da Unión Europea, de integración a través do baile, a música e outras actividades escénicas, produción do CD Cantares de Queixumes dos Pinos, e demais.

Outra das súas apostas polo folclore nestes máis de 25 anos, foi a creación da revista A Bugalla, que difunde cultura, turismo e folclore de Galicia, editada en galego, castelán e inglés, e difundida en máis de 37 países.

Para el, coñecer a nosa historia era a fórmula para un futuro mellor, por iso, este pensamento levouno a crear unha mostra etnográfica de máis de 600 pezas da Galicia dos séculos XIX-XX no centro cultural Queixumes do Pinos, que gardan a memoria da vida de antano.

A súa vitalidade levouno tamén a participar no mundo do audiovisual, chegando a presentar unha sección dentro do programa Luar da TVG, onde tamén se presentou o vídeoclip das cantareiras de Queixumes dos Pinos, gravado na Ribeira Sacra no ano 2021, dentro da celebración dos 30 anos do programa Luar, ademais dos diversos festivais online nas diferentes plataformas como Mundofolk, Festilive, Ourense Ten Talento, etc. e de impartir as clases de baile galego dentro do programa “Aulas Galicia Aberta” da Secretaría Xeral da Emigración.

José Antonio definía o folclore como “o xeito de transmitir a cultura dos teus antepasados e a identidade do teu pobo ao publico que o quere ver, manter, preservar e evolucionar.

Así será.

Texto: Queixumes dos Pinos.

Artigos relacionados

Back to top button