O espectáculo teatral “Pum, pum!”, de Baobab Teatro, volve á escena cunha obra que representa historias cotiás que lles acontecen aos menores e a través da cal se transmite a mensaxe aos nenos e nenas que asistan á función de que ninguén pode obrigalos a facer cousas que non queren.
Deste xeito, retómase a xira iniciada no pasado mes de xuño coa representación que tivo lugar Esta peza estará mañá, 12 de outubro, en Ourense, que acollerá o espectáculo no Auditorio Municipal, ás 11:00 e ás 12:30 horas. O obxectivo é percorrer as principais cidades galegas para que o maior número de escolares asistan aos pases, polo que a xira se retomará logo das vacacións de Nadal.
Esta iniciativa enmárcase na campaña “37mil sorriSOS”, un proxecto que a Xunta de Galicia poñía en marcha hai seis meses e que ten como obxectivo previr e detectar os abusos sexuais en menores, así como que aqueles que foron vítimas, poidan superar esta traumática situación.
Independentemente destas sesións teatrais, “37mil sorriSOS” ten un carácter eminentemente dixital, xa que se divulgará a través das redes sociais e da páxina web do departamento autonómico. Os destinatarios desta iniciativa son os pais e nais e os profesionais do ámbito educativo e sanitario, xa que eles adoitan ser os primeiros que detectan posibles casos de abuso. Todos eles, e calquera persoa interesada, poderá consultar o Protocolo INO, creado ao abeiro desta campaña e baseado en catro liñas fundamentais: previr, observar, manter a calma e moverse notificando e avaliando cada caso da man dun profesional especializado.