
Co fin de “axudar ás familias de Quiroga, coa atención dos seus fillos e fillas no Nadal”, a área de Educación, Infancia e Igualdade, pon en marcha novamente o programa Concilia Quiroga, motivado pola “boa acollida que tivo durante o verán e tamén”, como destacou a concelleira que dirixe este departamento, Maite Pérez Grao, “pola vontade de axudar ás familias a conciliar este tempo de vacacións para os máis pequenos da casa cubrindo ese tempo de ocio gratuitamente”.
Estes obradoiros que contan con 40 prazas para nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade, están dirixidos primeiramente aos empadroados en Quiroga, de quedar prazas bacantes daríaselle cabida a outros cativos. Os rapaces que estarán baixo o coidado de catro monitores coa titulación precisa e a supervisión do Centro de Información á Muller, dividiranse en catro grupos repartidos entre a Casa de Cultura, a Ludoteca e a Sala de exposicións, ao igual que se fai nos campamentos de verán.
Dentro do programa, entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, inclúense diferentes obradoiros encamiñados todos eles ao Nadal. O primeiro deles será o día 23, entre as 11 e as 13:30 horas co título “Xogamos co Apalpador”. Ese mesmo día pola tarde entre ás 17 e as 18:30 horas os nenos e nenas poderán visitar a Papá Noel.

O día 26 de decembro e o 2 de xaneiro, entre as 11 e as 13:30 horas, o obradoiro centrarase na decoración de Nadal. O obradoiro dos experimentos de Nadal desenvolverase o día 27 tamén en horario de 11 e as 13:30 horas.
Centrado nos instrumentos musicais destas festas estará o obradoiro a desenvolver o 30 de decembro entre as 11 e as 13:30 horas. O mesmo horario no que tamén se desenvolverá o obradoiro do día 3, que leva por título “Preparándonos para os Reis Magos”.
Os obradoiros rematarán os días 3 e 4 coa festa de Nadal con inchábeis que se celebrará no pavillón municipal entre as catro da tarde e as oito do serán.



