ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Obradoiros sobre as directrices da paisaxe galega no oriente ourensán

A Gudiña, Viana do Bolo, Manzaneda e O Barco acollían ao longo do 12 de marzo diversas xornadas públicas sobre este tema

 

Para trazar as principais directrices da paisaxe das comarcas galegas a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está desenvolver unha serie de obradoiros pola comunidade. Serán un total de 50, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o territorio de Galicia. Catro deses obradoiros tiñan lugar o 12 de marzo na Gudiña, Viana do Bolo, Manzaneda e O Barco (ao que corresponden as imaxes desta galería).

No decurso destes encontros os participantes poden expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias con relación ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Ademais traballaban coa plataforma web, na que puideron valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Ao mesmo, a través desta web os usuarios localizaron os puntos relevantes dende a perspectiva paisaxística e asignáronlles unha valoración, determinando os elementos que os compoñen e propoñendo medidas de actuación para os mesmos.

Estes obradoiros combínanse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa, dende calquera lugar, poderá aportar a súa opinión para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma está dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe.

O proceso de participación para elaborar as “Directrices da Paisaxe de Galicia” vén a completar o proceso realizado previamente para a elaboración do “Catálogo das Paisaxes de Galicia”, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Estas directrices, xunto co Catálogo, conformarán o futuro “Atlas das Paisaxes de Galicia”.

 

Fotos: Ángeles Rodríguez

 

Artigos relacionados

Back to top button