OurenseÚltima hora

Obras para mellorar o sistema de saneamento no Carballiño

O investimento total estimado superará os 1.370.000€, cofinanciado nun 80% pola Administración do Estado, a través da CHMS, e 20% polo Concello

 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), asinaba hoxe o contrato coa empresa Proyecon Galicia, S.A., por importe de 1.346.000 euros, para a execución das obras de renovación de canalizacións e acondicionamento da rúa Ourense no municipio ourensán do Carballiño.

O prazo de execución estímase en seis meses e o importe total suporá un investimento de 1.370.000 euros, incluída a redacción de proxecto e a asistencia técnica de Seguridade e Saúde.

Situación actual

No último tramo da rúa Ourense as conducións de evacuación de augas residuais e pluviais atópanse nun estado deficiente, polo que desde o Concello desta localidade solicitouse a colaboración da confederación hidrográfica para mellorar o sistema de saneamento.

O proxecto

As obras consistirán na execución de novas redes de saneamento e pluviais, así como na renovación das redes de abastecemento incluíndo, ademais, as reposicións do pavimento da vía, o mobiliario urbano e o axardinamento en todo o tramo que abarca uns 550 metros da rúa Ourense, entre as interseccións desta coas rúas Celso Emilio Ferreiro e 25 de Xullo, onde se proxectará unha miniglorieta.

“Desde a CHMS colaboramos coas administracións locais en beneficio do medioambiente e por un desenvolvemento máis sostible” explica o seu presidente. “As actuacións descritas, que comezarán ao longo deste mes de novembro, evitarán verteduras recorrentes ao leito e, polo tanto, mellorarán a calidade das augas e dos ecosistemas asociados ao río”, engadía.

Artigos relacionados

Back to top button