OurenseÚltima hora

Ofelia Cardo expón ‘Fronte a min’ no Espazo de Arte Roberto Verino, en Ourense

Autorretrato.

 

O Espazo de Arte Roberto Verino acollerá, ata o 8 de xaneiro de 2025, a mostra fotográfica ‘Fronte a min’ de Ofelia Cardo (Valencia, 1967).

“Ofelia cuestiónase, e cuestiónanos, sobre o ser humano posto en contexto: cada ser arrastra unha liña de vida que elabora permanentemente en relación co resto dos seres que o rodean e coa contorna natural; e elixe nesta exposición, un acento preciso: o da Natureza que como unha losa, golpéanos coa mesma forza coa que a agredemos. Deféndese? Ou será que nos eliminamos nós a nós mesmos mediante o Sistema de interacción que temos xerado durante milenios? Sistema depredador e sen piedade que entre todas e todos toleramos, soportamos, aceptamos…”, explican de o Outono Fotográfico.

Así pois, o espazo expositivo funciona coma unha furna/ universo que contén, entre dous retratos opostos certos “sinais” da hecatombe -máis tarde falaranos o segundo retrato-. “Transitamos dende a instalación Poda y doma que mostra unha colección de operacións de domininación sobre a natureza que reconvirte as árbores, elemento fundamental da mesma, en esculturas vivas postas en exposición coma se dun ordeado, metódico e despregado dosier forense se tratase: mera testemuña do acontecido; acaso un catálogo de mutilacións?”

 

 

Do estaticismo que emana a instalación anterior, pasamos ao fluír na moi inquietante Mancha que se extiende. O evidente simbolismo parecería non necesitar texto. Pero hai máis: o “fluído” domina o “pétreo”, o líquido informe dá visualmente forma ao soporte; o paradoxo é que, en realidade, son imaxes de esperanza: están invertidas as «potencias» de cada materia, de tal forma que a «débil» ou «informe» imponse sobre a “poderosa” e “constituída”. Todas as operacións que realiza Ofelia en Fronte a min conteñen, de entrada, esta dobre advertencia: primeira, o ético non necesariamente casa coa beleza canónica; e segunda, todo ten significados máis aló da mera apariencia. É dicir, fotografía en estado puro: o que ves, pode non ser.

A inauguración da exposición será mañá, martes 5 de novembro, ás 19 horas.

Artigos relacionados

Back to top button