OurenseÚltima hora

A oficina xudicial de Ourense dá os primeiros pasos

 

Diferentes representantes das instiucións estiveron durante os traballos.

A Xunta de Galicia comezou xa os traballos para implantar en Ourense a nova oficina xudicial, “que facilitará unha actuación da administración de xustiza máis áxil, eficaz e próxima á cidadanía”, apuntan dende a Xunta. Os estudos preliminares estarán listos en aproximadamente dous meses e a previsión é que a oficina xudicial poida estar xa deseñada entre finais deste ano e os primeiros meses do 2018.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, explicaron onte, 9 de abril, en rolda de prensa as fases desta experiencia piloto, que despois se irá implantando paulatinamente no resto de Galicia.

Posteriormente, o director xeral asistiu a unha xuntanza sobre este novo modelo organizativo, na que tamén participaron o presidente da Audiencia Provincial, o fiscal xefe, o xuíz decano, a secretaria coordinadora, o letrado do decanato, e o letrado do servizo común de actos de comunicación e execución.

Ourense será a primeira experiencia piloto galega na aplicación deste novo modelo organizativo, que vén a mellorar o que existe actualmente nos xulgados. “Para gañar en eficacia, organiza a actividade en dous tipos de unidades”. Por un lado, as unidades procesuais de apoio aos xuíces e aos maxistrados, isto é, oficinas dotadas co persoal preciso para o auxilio estrito do labor de xuíz. E, por outra parte, os servizos comúns procesuais, que estarán a cargo do letrado da administración de xustiza e que se encargarán da tramitación uniforme de tarefas repetitivas, basicamente relacionadas coa tramitación da fase do expediente xudicial de carácter estritamente procesual como poden ser a ordenación do procedemento, a execución das resolucións xudiciais, atención ao cidadán ou actos de comunicación.

Deste xeito, organízase de xeito máis preciso e racional a actividade xurisdicional, procesual e administrativa e impúlsase un modelo de administración de xustiza baseado na eficacia, eficiencia, racionalización do traballo e no uso das novas tecnoloxías.

En canto aos estudos preliminares -que xa comezaron e estarán rematados en aproximadamente dous meses- consisten fundamentalmente en realizar unha análise e diagnóstico da situación actual, centrándose no volume de actividade, distribución de cargas de traballo, adecuación de recursos humanos, dotación de infraestruturas, sistemas e equipamento; definir e seleccionar o modelo organizativo, a partir da proposta e avaliación de diferentes alternativas; e finalmente, realizar unha proxección económica estimada do modelo elixido.

A implantación do novo modelo de oficina xudicial está previsto na normativa estatal. En Galicia, desde 2009 abordouse un ambicioso plan de modernización das infraestruturas xudiciais, co fin de habilitar as condicións necesarias para implantar este novo modelo de oficina.

Artigos relacionados

Back to top button