ConcellosEn portadaÚltima hora

Oito concellos constitúen a comisión de seguemento da Unidade de Atención Temperá con sede en Quiroga

Nesta xuntanza informouse de como está funcionando este servizo que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade

 

Vén de constituírse a comisión mixta de seguimento da Unidade de Atención Temperá con sede en Quiroga. A xuntanza celebrábase nesta vila e nela participaban os oito alcaldes dos concellos (de diferentes cores políticos) que a integran. Nela informouse de como se está desenvolvendo este servizo. Na comisión tamén se decidiu que as súas reunións teñan unha periodicidade anual, aínda que se estea permanentemente en contacto cos servizos sociais dos concellos.

O que comezou sendo un centro para a atención dos nenos dos concellos da comarca de Quiroga hoxe é xa un referente na zona sur da provincia de Lugo e dá servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao, Sober, A Pobra do Brollón e Pantón. A totalidade dos concellos do partido xudicial de Monforte, agás Monforte de Lemos.

En pouco máis dun ano, dende a súa posta en marcha en setembro do 2020 (cunha achega de 12.296 € da Xunta de Galicia), “non só se triplicou o número de concellos que se adheriron a este servizo se non que conta cunhas novas instalacións -creadas especificamente para esta atención- e duplicou o seu cadro de persoal. Tamén se incrementaron considerablemente as achegas da Xunta de Galicia para este servizo que no 2021 foron de máis de 100.000 €”, segundo a información achegada dende o Concello de Quiroga.

Aínda que está centralizado en Quiroga, esta Unidade de Atenció Temperá conta ademais cunha delegación no concello do Saviñao, para facilitar a atención dos menores reducindo o desprazamento dos usuarios desta zona.

 

O servizo

Na Unidade de Atención Temperá, que serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade; cóntase con dous psicólogos, dous logopedas, un fisioterapeuta e un terapeuta ocupacional especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A atención neste servizo, – ao que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos, se non para axudarlles a un desenvolvemento evolutivo adecuado-, é principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button