EconomíaEconomíaÚltima hora

Oliveiras en Quiroga e cereais no Barco, entre os proxectos galegos para pór en valor terras abandonadas

Estas iniciativas aínda se atopan en estado inicial, segundo adiantaba o presidente da Xunta de Galicia
Oliveiras nas terras lucenses de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

O goberno galego a través do Banco de Terras de Galicia está a aplicar varias iniciativas con potencial demostrativo para poñer en valor terreos en toda a comunidade e que involucran uns 1.000 propietarios. Así o anunciaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello da Xunta celebrado na mañá do 10 de outubro.

Trátase de terras cunha grande aptitude agraria e tamén un alto nivel de abandono, nas que, a través dun investimento público de case 800.000 euros, se puxeron en marcha desde 2017 iniciativas como a recuperación de soutos tradicionais no Courel; a valorización de terras abandonadas para prados en Sober; a recuperación de pasteiros de montaña nos Ancares; ou a recuperación de zonas de concentración parcelaria afectadas por lumes para producir cereais e viñedos en Cualedro e Oímbra.

Así mesmo, tamén se impulsou unha finca piloto para producir pemento con IXP en Arnoia; unha escola de formación agraria para persoas en risco de exclusión en Ferrol; un proxecto de recuperación de terras abandonadas para prados no val de Lemos e un mecanismo de redistribución de terras en base a permutas voluntarias en Sarria.

Ademais destas oito iniciativas, actualmente hai outros cinco proxectos que se atopan en estado inicial, como son o aproveitamento de cereal en Vilalba; as oliveiras en Quiroga; os cultivos hortícolas e de flores no Baixo Miño; as plantacións de cereais no Barco de Valdeorras; e os cultivos forraxeiros e castiñeiros na Cañiza. Ademais nun futuro prevese que se poñan en marcha dous proxectos máis: un relacionado cos viñedos en Arbo e outro silvícola na costa norte da provincia da Coruña.

Para materializar todas estas iniciativas a Xunta prevé un investimento en 2019 doutros 2 millóns de euros máis e realiza un labor de prospección, localiza os propietarios e ponos en contacto con cooperativas, empresas agrarias ou outras entidades interesadas. En canto aos predios, unha vez recuperados, incorpóranse ao Banco de Terras e arréndanse baixo a figura do alugueiro pactado, o que permite máis axilidade e un prezo e prazo conforme aos interesas de ambas as dúas partes.

Artigos relacionados

Back to top button