
Comezou a conta atrás para o esperado Entroido 2023, xa sen ningún tipo de restricción. No caso do Folión Os Viticultores de Vilamartín, teñen xa programado un completo caledario de saídas e visitas así como o seu desfile, previsto para o 11 de febreiro que inclúe unha nova edición da Festa das Sopas de Allo.
A primeira saída do folión será xa o vindeiro 21 de xaneiro ao Tameirón e despois, irán o 27 a Carracedo da Serra e o 28 a Petín convidados polo folión de nome homónimo. Xa no mes de febreiro o día 4 volverán a Petín convidados polo folión Os Arrieiros; e o día 11 serán os anfitrións do desfile en Vilamartín de Valdeorras.
Ese día, o programa abrirase ás 17 horas co Permiso de Folións e o Pregón na praza Jose Luis Núñez de onde sairá o desfile media hora despois, percorrendo a vila ata a Rodeleira, ao revés de como se viña facendo en anos anteriores. Nesta ocasión os folións participantes son: Tameirón, Carracedo, Chandrexa, As Maceiras, Os Labregos, A Caniceira, Folión de Petín, O Irrio de Castro Caldelas, Arrieiros de Petín e A Lardeira.
E tralo desfile, en torno ás 21 horas, comezará a IV Festa das Sopas de Allo, no pavillón de O Bañadoiro con remate musical a cargo do dúo Meritxell. O menú contará con entrantes, lacón cocido, empanada, pizza, sopas de allo, panceta e costela á grella, chourizos cocidos, torta de rixóns, café, licores, viño, auga e refrescos 15 euros e menores de 5 anos gratis). Entradas á venda (excepto folións) ata o 3 de febreiro.
Sete días despois da festa, o día 18 de febreiro Os Viticultores irán a Chandrexa de Queixa.