CulturaMúsica

Ondina Maldonado actuará no Bravo Lux da Rúa o 2 de novembro

A artista madrileña ten en marcha un proxecto para sacar adiante a súa segunda produción discográfica titulada “Aquí y Ahora”

ondinamaldonado

Os concertos de músicos valdeorreses como Los Correctos ou Sito, e nacionais como The Red Duck Blues Band ou Caraband, entre outros, están convertendo ao Bravo Lux A Rúa nun novo punto de encontro para os amantes da música en directo.

Trala actuación de Sito no marco da V Ruta das Tapas que se celebraba na Rúa do 18 ao 20 de outubro, o establecemento hostaleiro prepárase para acoller un novo concerto, previsto para o sábado 2 de novembro. A convidada nesta ocasión será a madrileña Ondina Maldonado que se achegará ata terras valdeorresas cun novo traballo no peto.

Ondina, comezaba a súa carreira nun casting ao que se presentou con tan só trece anos, o primeiro de moitos outros que a levaron a traballar como modelo publicitaria en campañas para Cuatro, Repsol ou mesmo o Ministerio de Igualdade, ademais de traballar como actriz en series nacionais como Compañeros, Los Serrano ou Matrimonio con hijos.

Xa no apartado musical, formou parte do elenco do musical Hoy no me puedo levantar, pero sería no ano 2008, durante a sua participación noutro musical, Enamorados Anónimos cando coñece a Javier Limón. Da súa man nacería Despegar o primeiro disco de Ondina Maldonado co que “comecei case sen darme conta a facer da música a miña forma de vida” tal como ela mesma di. Catro anos despois emprendía un novo camiño para sacar adiante a súa segunda produción discográfica Aquí y Ahora, un proxecto que presentará na Rúa a comezos de novembro.

Texto: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button