CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os alumnos que estudan galego no Bierzo e Sanabria medran e sitúanse nos 1.115

Un total de 19 centros están adscritos a este programa que está en vigor desde 2001

 

O número de alumnos que estudan galego nos territorios limítrofes de Castela e León aumenta ata 1.115. Así o vén de constatar o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na reunión anual de seguimento do programa de promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, asinado por ambos gobernos autonómicos hai 20 anos.

Así, neste curso 32 alumnos máis que no pasado ano estudan galego nalgún dos 19 centros adscritos ao programa nas comarcas do Bierzo e Sanabria. Do total de 1115 alumnos, 933 están nas etapas de Educación Infantil e Primaria, mentres que 137 proceden de institutos e 45 da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, que oferta clases para preparar desde o nivel máis básico, A2, ata o nivel de especialización, C1, segundo os datos facilitados pola Xunta.

Na reunión, celebrada de forma telemática, ademais do representante da Xunta de Galicia, tamén participaron, en representación da Junta de Castela e León, o director xeral de Centros, Planificación e Ordenación Educativa, José Miguel Sáez; o xefe de servizo da Inspección Educativa, Paulino Martín Seco, e o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez Courel.

Este programa, que se leva a cabo dende o ano 2001, establece as pautas de colaboración entre Galicia e Castela e León para a promoción do galego na educación non universitaria das provincias limítrofes de León e Zamora. A cooperación entre ambas as autonomías articúlase mediante a formación do profesorado, a cesión de materiais didácticos aos centros e o acceso do profesorado aos contidos do Portal Educativo da Xunta de Galicia.

A implantación da ensinanza do galego en Castela e León ten carácter voluntario, mais ambas as institucións tratan de promover que os centros ofrezan unha continuidade neste programa de formación para garantir que os alumnos que o cursen poidan completar os seus estudos nesta lingua e obter os certificados oficiais correspondentes. Así, os estudantes que finalicen os estudos da ESO cursando as correspondentes materias en galego poden conseguir un nivel Celga 2, mentres que en Bacharelato optan ao Celga 3.

Os centros

Os centros nos que se imparte esta materia son, pola rama de Infantil e Primaria: CEIP Virgen de la Quinta Angustia, de Cacabelos; CEIP San Ildefonso, de Camponaraya; CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz, de Corullón; CRA Cubillos del Sil, CRA de Puente de Domingo Flórez, CRA de Toral de Merayo, CEIP San Lorenzo de Brindis, de Vilafranca do Bierzo; CEIP de Toral de Los Vados; CEIP Compostilla; CEIP Jesús Maestro; CEIP Valentín García Yebra e CEIP Virgen del Carmen-A Placa, os catro últimos de Ponferrada, e o CEIP Tuela Bibey, de Lubián, en Zamora. Xa en Educación Secundaria, están adscritos o IES Bergidum Flavium, de Cacabelos; o IES Padre Sarmiento, de Vilafranca do Bierzo, e os ponferradinos IES Europa e IES Virgen de la Encina, todos en León.

Artigos relacionados

Back to top button