ConcellosCulturaCulturaEducaciónEn portadaGalerías de fotosTrivesÚltima hora

Os antigos alumnos de Santa Leonor de Trives rememoran as vivencias compartidas neste centro

Neste sábado estase a celebrar a xuntanza anual da asociación que leva máis de dúas décadas reunindo aos antigos estudantes deste colexio

 

Coas amizades da mocidade, cos xogos compartidos, as clases, as anécdotas con algún profesor e mesmo cos pupitres nos que hai xa moitas décadas se sentaban para compartir horas de ensino e estudo reencontrábanse neste sábado 12 de agostos os antigos alumnos do Colexio Santa Leonor de Trives. Mantendo a súa data habitual, o segundo domingo de agosto, a Asociación de Antigos Alumnos do Colexio Santa Leonor-Virxe da Luz de Trives celebra neste sábado a súa xuntanza anual, que se iniciaba hai xa máis de dúas décadas. Nesta cita participaban preto de 90 persoas

O encontro comezaba ás once da mañá cunha celebración relixiosa oficiada por Carlos, párroco de Manzaneda, na antiga capela do centro escolar. Ademais foi cantada por outro antigo alumno, Paco Cossío, que ademais interpretaba o rabel. “Foi unha preciosidade de misa, unha das máis bonitas das que se teñen celebrado”, destaca o presidente da asociación, Berardo Araújo.

 

O presidente da asociación, Berardo Araújo, conversando con dous antigos compañeiros do colexio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De seguido, tiña lugar a asemblea anual da asociación, na que se aprobaban a acta da sesión anterior, as contas e tamén o cambio de domicilio social da entidade, que pasa a estar nos sótanos do Edificio de Santa Leonor. Ademais facíase unha lembranza ao sacerdote trivés Pablo Pérez, un dos principais promotores desta asociación, e aos antigos alumnos falecidos neste ano.

A continuación realizábase unha visita á sede desta entidade, na que se expón unha gran cantidade de material relacionado con este centro trivés, dende fotografías de orlas e diplomas diversos, ata os pupitres e o material escolar. Tamén pode verse parte da interesante exposición de beléns de Berardo Araújo.

 

 

Despois está previsto un xantar que se servirá no que antano eran as instalacións do colexio. Os asistentes (antigos alumnos, así como esposas dos mesmos e amizades) degustarán un menú a base de empanada, langostinos, cordeiro e unha sobremesa moi especial cos deliciosos “hojaldres” que Paco Cossío traía dende Cantabria. Deste xeito completarán unha emotiva xornada chea de lembranzas e experiencias compartidas ligadas a este histórico colexio trivés.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button