ConcellosO BarcoÚltima hora

Os artistas Óscar Padrevecci e “Chere” colaboran na creación dunha obra mural única, no Barco

Trátase do proxecto de embelecemento dun espazo urbano de lecer e descanso na rúa Marcelino Suárez

 

Un mural de 700 metros cadrados que transmita “alegría e esperanza”. É segundo o seu autor, o arquitecto arxentino Óscar Padrevecci, a idea do proxecto posto en marcha no Barco de Valdeorras a encargo do Concello.

A obra forma parte dun proxecto de humanización e embelecemento dun espazo ubicado na rúa Marcelino Suárez, no barrio de San Roque, cedido ao Concello pola familia de Julián Trincado coa condición de que o convertesen nun lugar de lecer e descanso para os veciños do barrio. Alí, entre os andamios instalados para a elaboración do mural, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, explica que a primeira actuación foi a consolidación de chan, paredes e demais e a colocación de máquinas biosaudables, pero percibiron que a verticalidade do espazo, polos altos edificios que o rodean, é importante “polo que nos pedía algo que fixese máis acolledor o espazo”.

 

O artista Óscar Padrevecci explicando a obra.

 

E por casualidades da vida a propia Marga coñecía a Óscar Padrevecci, arquitecto arxentino especialista en urbanismo que lle fixo unha proposta que os convenceu xa dende o primeiro momento polo innovador, arriscado e á vez evocador da idea. “Dende que cheguei ao Barco estaba esperando unha oportunidade como esta”, di o artista, explicando que o espazo suxeríalle “unha impronta urbana de apertura importante cara o norte e iluminada polo sur, e a presenza da parte antiga do Barco que me parecía que había que enmarcar dalgún xeito”, di, puntualizando que igual que noutras moitas vilas “o horizonte está moi lonxe co cal pensei en acercalo”. Así, segundo os seus propios avances, dun lado irá unha especie de alegoría á pradeira e do outro ao mar, “cunhas figuras humanas en branco, conformando un recuncho urbano que dé sensación distinta ás situacións que se poden vivir aquí, máis aberto e colorido, alegría e esperanza tamén como unha especia de homenaxe a todas as persoas afectadas polo Covid coas persoas”, conclúe Óscar.

 

Óscar Padrevecci, Margarida Pizcueta e “Chere”.

 

Coa idea en marcha, faltaba a parte executora que atoparon no artista local “Chere”, todo un profesional na elaboración de murais, que non dubidou en apuntarse a esta “colaboración hispano-arxentina cun artista con maiúsculas e cunha obra moi atrevida e conceptual. Creo que pasou máis tempo pensando a obra e plasmándoa en papel que o que nos vai levar facelo sobre a superficie”, asegura, agradecido por poder colaborar con Óscar “que é o artista aquí, eu son un mero axudante”, puntualiza, adiantando que leva xa 15 días de traballo e esperan telo rematado a finais de xullo. “Calculamos un mes en total e esperamos cumprir os prazos”.

Unha vez rematado o espectacular mural, o broche á obra de embelecemento do espazo poráo o apartado vexetal cuns maceteiros no acceso, na parte da beirarrúa.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button