Medio cento tradicións de diferentes partes da península, pero tamén doutros puntos de Europa e de América, participarán este sábado 18 de maio en Lisboa no desfile do XIV Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI). Entre elas estará unha representación galega na que figuran dous Entroidos ourensáns: o Folión e os Boteiros de Viana do Bolo, un dos grupos máis veteranos deste encontro, e as Pantallas de Xinzo de Limia. Ademais poderá verse o Entroido de Cobres e aos Merdeiros de Vigo (Pontevedra), así como o Entroido de Samede (A Coruña).
No desfile, que comezará ás 16:30h. na praza do Imperio en Belém, reuniranse tamén unhas 14 celebracións ligadas á máscara en Portugal (entre elas o Urro das Marés das Azores, os Caretos de Grijó e os Máscaros de Vila Boa ou o Farandulo de Tó), 22 españolas (entre elas sete da provincia de Zamora), dúas de Colombia (Folclor Colombia e Selva Africana do Carnaval de Barranquilla), os Busós (Mohács) de Hungría, os Urthos e Buttudos de Cerdeña (Italia) e os Leões de Macao.
O FIMI vense desenvolvendo xa dende o 16 de maio e continuará ata o domingo 19 de maio en Belém, mantendo a tradicional Mostra das Rexións na praza do Imperio e cunha completa oferta de actividades e actuacións musicais.
Nesta 14ª edición o festival, “que conta coa integración da Fundação Inatel como un dos organizadores (en colaboración con Progestur, EGEAC e a Cámara de Lisboa), apostará pola variedade de actividades presentando ao público exposicións, bailes tradicionais, debates, espectáculos musicais, mostras de produtos rexionais, obradoiros de artesanía e de música, animación infantil e moitos momentos de animación de rúa con grupos de máscaras de Portugal, España, Colombia, Hungría e Cerdeña”, segundo sinala a organización.