Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

Os candidatos do PP por Ourense ao Congreso e ao Senado amosan o seu “máximo compromiso con proxectos estratéxicos para Valdeorras”

Celso Delgado, Carmen Leyte e Joana Gómez visitaban nesta xornada a comarca acompañados por alcaldes e concelleiros populares nesta zona

 

Os candidatos do Partido Popular pola provincia de Ourense ao Congreso e ao Senado nas vindeiras eleccións xerais do 23 de xullo visitaban hoxe Valdeorras, interesándose especialmente por cuestións relacionadas coas infraestruturas viarias e ferroviarias dependentes do Goberno central, ademais de polo estado e o potencial dos recursos hídricos desta comarca.

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso -Celso Delgado- e ao Senado -Carmen Leyte e Joana Gómez-, acompañados ao longo da xornada por alcaldes e representantes municipais de Carballeda de Valdeorras, Rubiá, A Rúa, Larouco, O Barco de Valdeorras e Vilamartín de Valdeorras, avanzaron o seu “máximo compromiso por seguir loitando por proxectos estratéxicos para a comarca. Despois do desleixo do Goberno de Pedro Sánchez, un período completamente negativo para Valdeorras e para toda a provincia, a partir do 23 de xullo ábrese un novo ciclo da man dun ourensán como Alberto Núñez Feijóo, que coñece perfectamente as necesidades e as potencialidades deste territorio”.

Os populares lembran como “nestes últimos catro anos, o Goberno de Sánchez mirou cara outro lado, facendo oídos xordos ás reivindicacións e desatendendo proxectos fundamentais como a A-76, a mellora da N-120 ou os servizos ferroviarios”. O PP, sinalan, “estivo na oposición loitando por estes proxectos e, agora, remarcamos o noso compromiso para poder desenvolvelos a través do próximo goberno popular”.

Ferrocarril

Os populares visitaron esta mañá a estación de tren da Rúa. “Unha estación emblemática da nosa provincia pero que, por desgraza, loce un aspecto lamentable: sen servizos, taquillas, bancos… unha situación terceiromundista para unha poboación tan importante como é A Rúa”, criticaron os populares, que denunciaron o “abandono do servizo ferroviario por parte do Goberno de Sánchez”.

Ademais os candidatos do PP aseguraban que, “en lugar de mellorar, nestes últimos anos empeoramos en todo o referido ás conexións ferroviarias no interior, con continuas avarías, demoras…”, que avanzaron que “o reto e o compromiso do próximo Goberno de Núñez Feijóo neste eido é nítido: mellorar as estacións, poñelas en perfecto estado e, por suposto, acadar un servizo ferroviario en perfectas condicións”.

Estradas

Tamén na Rúa, os populares reclamaron o enlace de Vilela coa N-120. “Este proxecto é unha vella reivindicación que hoxe debería estar licitado. Os deputados e senadores populares esiximos nos últimos anos en numerosas ocasións activar esta infraestrutura, atopando o rexeitamento por parte do Goberno”.

Os candidatos do PP definen a comunicación por estrada entre Valdeorras e Ourense como “completamente deficitaria, incapaz de absorber todo o tráfico”. A A-76, lembraron, “debería ser xa a alternativa, pero nin tan sequera vimos licitado un tramo”. Ante isto, reafirman o seu compromiso: “O próximo goberno, que será o de Alberto Núñez Feijóo, impulsaremos os primeiros tramos da A-76 e traballaremos polo enlace de Vilela coa N-120, unha estrada que, por suposto, debe estar nun perfecto estado e con novos carrís de incorporación nos tramos nos que son imprescindibles”.

Pola súa banda, en Vilamartín de Valdeorras, os candidatos reclamaron un enlace de saída entre a N-120 e a OU-536, que “responda ante o importante volume de tráfico pesado que soporta este punto das estradas”. O PP de Vilamartín, lembran, “realiza dende hai anos esta solicitude, sendo completamente desatendida. Trasladaremos estas necesidades ao futuro goberno de Feijóo, un ourensán que coñece perfectamente a realidade deste concello”.

No Barco de Valdeorras, os populares esixiron esta tarde “o remate urxente da circunvalación que une a N-120 e a N-536. A Circunvalación do Barco é unha iniciativa estratéxica, que acumula meses e meses de demora para o prexuízo dos veciños e usuarios destas estradas, que ademais padecen os problemas dunha mala sinalización das obras”.

Recursos hídricos

Ao carón do Sil, ao seu paso pola Rúa e posteriormente, no Barco, os populares falaban da “desatención da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que abandona aos concellos en cuestións fundamentais como a limpeza das marxes, avaliar o estado dos cauces e a calidade das augas ou coidar os paseos fluviais”. Pondo como exemplo a importancia estratéxica do Sil para Valdeorras, os candidatos prometeron un Goberno popular no que “a auga sexa unha cuestión prioritaria, con órganos de conca mantendo diálogo permanente coas autoridades locais e potentes investimentos que garantan o estado dos recursos hídricos, imprescindibles para a agricultura, a gandería o propio medio ambiente”.

Artigos relacionados

Back to top button