EconomíaEconomíaÚltima hora

Os cantos de taberna poñen o broche a unha multitudinaria Festa do Botelo no Barco

Seis grupos de música percorreron os establecementos hostaleiros da vila barquense na tarde-noite do 21 de xaneiro
As Macizas Centrais de Trives actuando no Agarimo. /Foto: Carlos G. Hervella.

Macizas Centrais (A Pobra de Trives), Pándega (Valdeorras), Centro Galicia (Ponferrada), Os Palletas (Quiroga), Píngalle o moco (A Pobra do Brollón) e Corenta e chinco boys (A Pobra de Brollón). Son os seis grupos de música tradicional que poñían son á XVII Festa do Botelo do Barco de Valdeorras na xornada do 21 de xaneiro.

Xa pola mañá, no momento do pregón no Teatro Lauro Olmo, os grupos de música comezaban a tocar por algúns dos locais da vila, especialmente na zona do Malecón, amenizando a sesión vermú. Máis tarde, durante o xantar popular no pavillón de Calabagueiros, volvían tocar, dando vida á xuntanza na que 1.300 persoas degustaron o emblema gastronómico barquense. Antes, durante e despois, a música de gaitas, pandeiretas e bombos acompañado polos cánticos, animaban o ambiente arrancando algún que outro baile.

 

Corenta e chinco boys (A Pobra de Brollón), nos Cantos de Taberna do Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

Pero a cousa non quedaba aí e sería xa ao escurecer cando músicos e cantantes percorrían de forma itinerante diferentes locais de hostalaría da zona vella e do malecón, enchendo coa súas animadas melodías cada recuncho da vila. Dende o Agarimo ata o Vinum, do San Mauro a La Fábrica, pasando pola Pizzería O Barco, O Buraco, Veira Sil, Al Natural, Bar 13/14, A Pampa, A Cova e Divino Paseo.

Así, coa ruta musical dos II Cantos de Taberna do Barco, poñíase o broche de ouro a unha multitudinaria Festa do Botelo, no que tamén os restaurantes que ofrecían botelo nos seus menús, completaron o aforo.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/especiales/os-cantos-de-taberna-ponen-o-broche-a-unha-multitudinaria-festa-do-botelo-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button