Unha gran rede estendese ao longo do Paseo do Malecón do Barco. Dela penduran multitude de imaxes, debuxos e mesmo caricaturas dos autores homenaxeados ao longo dos 60 anos de celebración do Día das Letras Galegas, xunto as súas biografías. E, entre eles, a do 2023, Francisco Fernández del Riego, promotor da celebración desta data tan especial para a lingua, literatura e cultura galegas.
E, entre esas imaxes, figuran as de referentes da cultura galega como a xeración Nós ou o Consello da Cultura Galega, xunto a multitude de peixes cos nomes dos centros educativos do Barco, Rubiá e Sobradelo que, a través dos seus Equipos de Dinamización Lingüística, promovían esta singular iniciativa coa que se pretende facer partícipe á sociedade valdeorresa das Letras Galegas co labor e esforzo do alumnado de oito centros de ensino: o CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurilingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo e IES Martaguisela (os cinco do Barco) o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá e o CPI Tomás Terrón Mendaña de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).
Esta iniciativa forma parte das actividades da campaña “Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes”, promovidas por este centros. Esta tarde representantes de cada un dos colexios e institutos participantes traballaban para instalar a rede e colgar de ela cada un dos seus numerosos e coidados elementos.
Esta singular exposición permanecerá colgada ata finais de maio no Paseo do Malecón. Dende os centros educativos animan a veciñanza a achegarse a vela e tamén piden que se respecte e se coide o laborioso traballo do alumnado e profesorado para facela posible.
Fotos: A.R.