En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Os centros de Secundaria protagonizan o acto central do 8M no Barco

 

Con cambio de escenario por mor da chuvia o Concello do Barco de Valdeorras celebraba o acto central do Día Internacional da Muller. Un acto que comezaba pasadas as 12 do mediodía deste mércores, no pavillón municipal preto da praza, contando coma sempre coa participación dos centros escolares da vila.

Presentado polo concelleiro de Servizos Sociais Orlando Saavedra, o acto comezaba cos manifestos elaborados nos centros de Secundaria lidos polas estudantes escollidos para a ocasión. As primeiras eran as do IES Lauro Olmo, despois faciano as do Divina Pastora e por último as do IES Martaguisela. A música tampouco faltaba no acto, con dúas estudantes do Conservatorio do Barco que interpretaban dous temas ao piano e ao saxo.

 

 

Aínda que o programa incluía micrófonos abertos a todas as asociacións de mulleres, ningunha se animou a falar, rematando o acto coa declaración institucional do Concello do Barco, lida pola concelleira Diana Urdangaray. Un texto co que baixo o lema ‘Democracia, Feminismo, Emancipación e Liberdade’ o Concello do Barco de Valdeorras “súmase á xornada de reivindicación e loita do Día Internacional das Mulleres, manifestando o noso firme compromiso coa igualdade como unha cuestión de calidade democrática: traballamos na consolidación dos avances da nosa sociedade en materia de igualdade e nun horizonte máis feminista e xusto”.

 

 

Urdangaray explicaba que nste 2023 a loita contra a violencia sobre as mulleres “ten que seguir sendo o principal obxectivo político da nosa sociedade, é inaceptable que ningunha muller viva con medo, sentíndose ameazada ou torturada. O compromiso do Concello do Barco coa erradicación da violencia machista é firme”.

 

 

Do mesmo xeito, dende o Concello “apoiamos a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Unha ferramenta imprescindible na loita contra a violencia machista, non podemos esquecer que este gran acordo non só protexe as políticas feminista e de igualdade contra as políticas negacioncitas, senón que permite levar esta loita a todos os recunchos do país”, instando unha vez máis ao Parlamento para lexislar contra unha das formas máis terrible de violencia contra as mulleres que é a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e prostitución. “Esta violencia existe porque hai demanda de mulleres e nenas para ser prostituídas. Debemos seguir traballando por unha sociedade onde mulleres e nenas poidan vivir seguras, con dignidade e en liberdade. Toda a nosa vontade por unha aposta firme para que España sexa un país onde homes e mulleres sexan iguais en dignidade e en dereitos. Esta idea é absolutamente incompatible coa prostitución e a trata”.

 

 

Para rematar, dende o Concello aseguran que “este 8 de marzo seguiremos celebrando todos e cada un dos éxitos e achegas que o feminismo fixo ao noso país. E facemos un chamamento á unidade da loita feminista, pois somos conscientes de que aínda é longo o camiño que nos queda por percorrer. A sociedade necesita un movemento feminista estratexicamente unido para continuar avanzando: fronte a quen nega a violencia machista e fronte a quen nos quere facer retroceder en dereitos”.

 

A concelleira Diana Urdangaray lendo a declaración do Concello do Barco.

 

A celebración do Día Internacional da Muller no Barco continúa co Ciclo ‘Mulleres no cine’ coa colaboración do Cineclube Groucho Marx, todos os xoves do mes coa proxección de Simone (9 de marzo), A peor persoa do mundo (16 de marzo), A consagración da primavera (23 de marzo) e A amiga da miña amiga (30 de marzo).

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button