OurenseÚltima hora

Os centros educativos de toda Galicia xa poden reservar praza na Aula Newton da Tecnópole en Ourense

 

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, acaba de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. A Aula Newton Galicia, que vai pola súa terceira edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

 

 

Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que buscan incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras. Os centros educativos interesados en formar parte desta novidosa experiencia deberán inscribirse na páxina web https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. A Aula desenvolve a súa actividade os xoves e os venres, de 10:00 a 13:00 horas. Agárdase que nesta edición participen uns 2.160 rapaces e rapazas de toda a comunidade.

Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Nestes intres a Aula Newton Galicia dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas se convertan en pilotos por un día. En cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.

 

 

A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Artigos relacionados

Back to top button