EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

Os concellos da provincia danse a coñecer en Xantar

A Pobra de Trives ofreceu, no seu stand, unha degustación da súa bica, os embutidos, viños da Ribeira Sacra e mel

Os diferentes concellos da provincia tamén se trasladaron até o recinto feiral de Expourense para promover o mellor de si no Salón de Turismo Gastronómico, Xantar. Entre os presentes podíanse ver aos concellos de Viana do Bolo, Laza e Vilariño de Conso promovendo o seu Entroido. Por outra banda, o Concello de Maceda, que tamén levou até Expourense o o seu coñecido Restaurante Castelo. A estes súmanse os Concellos de O Barco de Valdeorras, Arnoia ou Parada de Sil.

Pero o que máis protagonismo tivo na tarde do 3 de febreiro foi o da Pobra de Trives, xa que fixo un despregamento de medios para promover os produtos típicos da zona. Os que se achegaban ao seu stand podían gozar do viño e da gastronomía da zona de mans das concelleiras de Turismo e Cultura, Marta Domínguez e Isabel González Fandiño, respectivamente.

As edís tamén explicaban aos que se achegaban as características e puntos de interese deste municipio. A concelleira de Cultura, Isabel González, reiterou que “ademais de promover a bica, o noso produto estrela, estamos a amosar outras cousas como o mel, que o hai moi bo; os nosos viños, que temos dúas bodegas; e os embutidos, que tamén son moi bos”. E precisamente seu produto estrela está a copar a actualidade da vila xa que, dende o Concello, aprobaron no pleno que se xestione o recoñecemento de festa de interese turístico galego á “Festa da Bica”. A responsable de Turismo da Pobra de Trives, Marta Domínguez, dixo o seguinte ao respecto: “parécenos algo fundamental, hai que seguir adiante co trámite, porque a bica é de Trives”.

En canto ás recomendacións aos turistas para que se animen a visitar Trives, Marta Domínguez propúxolles coñecer “as rutas de sendeirismo, o cabrito, embutidos, tenreira e a estación de montaña, única en Galicia”, asegurou. Pola súa banda, en materia de Cultura, Trives oferta, dixo a responsable dese área, Isabel González Fandiño, “a exposición de Santa Leonor, o Museo do Xoguente e as festas”. A concelleira concluíu lembrando o lema escollido este ano para anunciar a localidade: “Trives é un paraíso creado para ti”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button