ConcellosManzanedaTrivesÚltima hora

Os Concellos de Manzaneda e Trives valoran positivamente a apertura total da Estación de Manzaneda

Miguel Sierra, tenente de alcalde de Trives e alcalde en funcións/ Foto: Carlos G. Hervella.

 

De maneira moi positiva valoran os Concellos da Pobra de Trives e Manzaneda a reapertura total, a partir do 12 de xuño, da Estación de Montaña de Manzaneda e esperan que poida xerar movemento na comarca durante este verán.

“Dende o Concello sempre avogamos pola propia apertura da estación, parecíanos que era un crime non tela aberta, e sempre intentamos que non se chegara a pechar polo movemento que xeraba movemento na zona e porque iso tamén supoñía un problema para as propias instalacións. Dende o grupo de goberno trivés temos claro que a Estación de Manzaneda é a xoia da coroa da nosa comarca, é un punto clave, un motor, e sempre a apoiaremos”, comenta o tenente de alcalde de Trives e alcalde en funcións, Miguel Sierra. Con respecto á nova xerencia deste complexo, Sierra indica que “hai que darlle unha marxe de confianza, con seguemento”.

 

Amable Fernández, alcalde de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén de maneira positiva maniféstase o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández. “Dende o Concello estamos axudando todo o que podemos para que isto saia para adiante, somos os máis interesados en que funcione, para que a xente siga mantendo os seus postos de traballo, para que se xeren outros novos. Ao funcionar van vir turistas e vai haber movemento en toda a comarca, na hostalaría, tendas, gasolineiras… Se vén xente, a comarca desenvólvese. Sería impresionante o que podería facerse se isto funcionase realmente ben, sería unha inxección económica moi importante”.

Tras a visita desta mañá, xunto co resto de autoridades, ás instalacións da estación, o rexedor de Manzaneda amósase ilusionado e esperanzado. “Vemos que agora mesmo están reparadas e en perfecto estado para empezar a funcionar, que é o que queremos. Igual que ao final do ano pasado estivemos decepcionados con como terminou a empresa que a xestionaba anteriormente, agora o que queremos é que esta empresa funcione ben. Ademais están contratando xente da zona, incluso os monitores que noutras etapas viñan de Pontevedra ou doutras zonas, escudándose en que aquí non había persoal preparado; pois agora vemos que para isto están contratando a persoas de aquí. E isto é importante porque se a xente ten traballo, vaise manterse na zona”.

Artigos relacionados

Back to top button