Un grupo de deportistas do Barco de Valdeorras, están percorrendo as etapas do Camiño de Inverno que transcorren por terras valdeorresas. Comezaban o 24 de outubro cos 21 quilómetros entre Puente de Domingo Flórez e O Barco, e na xornada deste 14 de novembro facían a etaba O Barco-Albaredos. “Son catro horas de camiñata pola mañá, cada tres domingos”, puntualiza o promotor da iniciativa, André Faria, licenciado en Ciencias do Deporte e xerente de AF Training.

El mesmo explica que a idea nacía co obxectivo de darlle aos seus deportistas todas as ferramentas necesarias para iniciar o Camino. De feito, nun principio o proxecto contemplaba tres etapas que discorren pola comarca de Valdeorras “para que despois os propios deportistas terminen a ruta xa de cara á primavera e pola súa conta “, adianta André, asegurando que o seu obxectivo é “fomentar a actividade física e o ocio activo entre os clientes de AF Training, ademais de dar difusión ao Camiño Xacobeo de Inverno, que xa está sinalizado integramente”.

Así, cunhas condicións inmellorables e descubrindo grandes paraxes da comarca que moitos descoñecían, o grupo barquense botábase a andar percorrendo fermosos pobos como Pumares, Éntoma ou mesmo Albaredos no que finalizaba a etapa de hoxe co recibimento por parte da adega de Albaredos Hobbs, que lle dan un valor engadido a esta ruta.
Tralo éxito das dúas primeiras etapas con 20 peregrinos valdeorreses, AF Training contempla unha modificación no obxectivo inicial e facer que todos os seus deportistas “cheguen a Compostela na vindeira primavera de 2022”, adianta André.

Fotos cedidas.