PolíticaÚltima hora

Os deputados Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña manifestan o seu apoio á Plataforma Sanitaria de Valdeorras

Estes dous parlamentarios galegos de En Marea entenden que as “reformas que pretende levar a cabo o PP coa nova lei provocarán un empeoramento da atención sanitaria en Valdeorras”
O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Co anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, o goberno da Xunta pretende “continuar desmantelando a sanidade pública, desta volta ao suprimir áreas sanitarias como a de O Barco de Valdeorras, converténdoo nun “distrito sanitario”, tal e como se expón nos artigos 67 -“ordenación territorial”- ou 69 -“distritos sanitarios”- do anteproxecto, o que conlevará unha perda na capacidade de xestión sanitaria comarcal, aumentando a burocracia, empeorando o funcionamento da atención primaria, etc.”, así o aseguran os deputados ourensáns de En Marea no Parlamento galego, Davide Rodríguez de Manzaneda e Ánxeles Cuña.

Ambos veñen de amosar o seu respaldo á recén reactivada Plataforma Sanitaria de Valdeorras nun comunicado. Entenden que as “reformas que pretende levar a cabo o PP coa nova lei provocarán un empeoramento da atención sanitaria en Valdeorras”. Din que as modificacións que plantexa o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia “ademais de antepor os recursos ás necesidades da poboación (textualmente recóllese así no artigo 70 do anteproxecto), provocarán desequilibrios na atención segundo o lugar de residencia, afondando na privatización e na centralización da toma de decisións”.

Os deputados por Ourense de En Marea fan súa a análise da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública ao salientar que “con estas modificacións non se resolven as eivas da Lei: as decisións importantes serán tomadas mediante decretazos”. Por todo isto este tipo de cuestións, rexeitan este anteproxecto e esixen a súa retirada, ao considerar que “repercutirá negativamente na poboación, nun ámbito tan esencial como é o da saúde”.

Desde En Marea proponse ampliar as áreas sanitarias (das 7 actuais a 11), potenciar a atención primaria e a descentralización na toma de decisións, así como mellorar a atención nas zonas rurais, “garantindo a igualdade e a equidade no acceso a servizos e recursos sanitarios”.

“Quen vivimos no rural non somos cidadanía de segunda”, asegura Davide Rodríguez, “polo que debemos ver garantidas as nosas necesidades sanitarias como calquera outra persoa. Non é de recibo que en período estival, moitos municipios do rural queden sen pediatra, por exemplo”.

Artigos relacionados

Back to top button