PolíticaÚltima hora

Os deputados provinciais socialistas piden “un maior apoio institucional á lousa por ser un sector clave”

Os deputados e deputadas provinciais Aurentino Alonso, Elvira Lama, Álvaro Vila e Nacho Gómez, participaron nunha visita a unha mina de lousa xunto ao alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez

 

Os deputados provinciais do PSdeG-PSOE Aurentino Alonso, Elvira Lama, Alvaro Vila e Nacho Gómez, visitaban hoxe en Valdeorras, xunto ao alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, unha das minas subterráneas de lousa. No decurso desta visita reclamaban un maior apoio institucional de todas as administracións públicas que permita o impulso deste sector, fortificación e diversificación.

Alonso salientou algúns datos “concluíntes como os 2.400 empregos directos e 10.000 indirectos, así como os máis de 300 millóns de euros de facturación no 2021. Máis dun terzo da facturación ao estranxeiro da nosa provincia sae desta actividade de Valdeorras”, destacou antes de insistir en que “é unha das potencias comerciais” de Ourense. “É unha industria que hai que ter moi en conta e por iso debemos estar ao seu lado”, proclamou.

Pola súa banda, o rexedor de Vilamartín, Enrique Álvarez, aseverou que a lousa “é o motor da comarca” polo que debe ser coidado. “No noso concello actualmente hai unha canteira, mais chegamos a ter tres ou catro, pero a existente na actualidade ten unha importancia vital para todos os veciños e veciñas”, remachou xa que “crea entre 120 e 130 postos de traballo directos e todo o que conleva ao seu redor”.

A relación é “recíproca”, aclarou o alcalde, no sentido de que “entre todos nos complementamos”, xa que “nós axudamos ás pizarreiras no que podemos e as pizarreiras axúdannos no que poden ao concello”. Álvarez aproveitou para recordar o “problema do grave estado da estrada de San Vicente, que permite o acceso a mina de lousa visitada polos e polas socialistas e pola que pasan a ciencia certa, centos de millóns de euros”.

“Pedimos esa atención e que se poña o foco enriba xa que, se desde un punto como este saen centos de millóns de euros”, afirmaba o alcalde de Vilamartín, polo que “é perfectamente xustificable que as administracións públicas poñan os cartos que sexan necesarios para arranxar unha vía de comunicación clave para a economía municipal e comarcal que levaba aquí 90 anos e que desde hai 30 está como está. Temos que complementarnos, temos que axudarnos e, neste caso, as canteiras están dispostas a axudar, polo que só é preciso que as administracións competentes poñan da súa parte”, concluíu.

Artigos relacionados

Back to top button