SanidadeÚltima hora

Os diferentes servizos hospitalarios e de primaria poñen en marcha sistemas de consultas telefónicas cos seus pacientes

Ademais procedeuse a reprogramar un gran número de consultas, probas ambulatorias e cirurxías programadas, non esenciais ou demorables, pero hai que lembralle aos pacientes con cita que, si non foron chamados para reprogramala, esta mantense

Exterior do hospital do Barco.

 

Buscando adaptarse á situación de excepcionalidade na que deben evitarse desprazamentos ao hospital ou Centro de Saúde, especialmente no caso de persoas de idade avanzada ou cunha enfermidade crónica, desde “case tódolos servizos de atención primaria e hospitalaria estnase a crear novas vías de comunicación non presenciais cos seus pacientes, especialmente os que padecen enfermidades crónicas”, segundo informa o Sergas en Ourense.

Por este motivo moitos pacientes están a recibir durante estes días nas súas casa ou móbiles a chamada dos seus especialistas de Uroloxía, Farmacia, Medicina Interna, Oncoloxía, Hematoloxía, Nefroloxía, Endocrinoloxía, Reumatoloxía, Dixestivo etc.. para pasar telefonicamente todas aquelas consultas que sexan susceptibles de adaptarse a esta vía, “que se recollerán axeitadamente nas súas historias clínicas electrónicas, ao igual que está a facer desde o comenzo desta crise desde Centros de Saúde por parte dos médicos de familia, enfermeiras ou farmaceúticos”, asegura Sanidade.

Ademais está operativo un teléfono de atención ás mulleres embarazadas para atender todas as súas dúbidas en relación ao COVID-19 e seu proceso, e mañá xoves está previsto que comece a funcionar outro de Pediatría “para atender todas cantas dúbidas teñan os pais e familias de nenos e nenas con enfermidades crónicas, ou simplemente para establecer contacto”, adiantan dende o Sergas.

Ao mesmo tempo, procedeuse a reprogramar un gran número de consultas e probas ambulatorias e cirurxías programadas, non esenciais ou demorables, “pero hai que lembralle aos pacientes con cita que, se non foron chamados para reprogramala, esta mantense. Ante a dúbida poden chamar ao teléfonos centrais dos tres hospitais, ao seu centro de saúde, ou ao telefono de información 900 400 116”, matizan dende o Sergas.

Centralización consultas urxentes do sábado

Ademais o Sergas informa de que, dentro das medidas de reorganización de recursos que se están a facer para afrontar esta pandemia, “desde este sábado día 22, as consultas urxentes dos sábados pola mañá dos centros de saúde da cidade de Ourense (O Couto, Valle Inclán, A Carballeira, A Cuña, A Ponte e Novoa Santos) e dos concellos de A Valenzá, Toén, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín centralizaranse no Novoa Santos, para a atención aos nenos en idade pediátrica, e no Punto de Atención Continuada de Ourense ás de adultos.

O Punto de Atención Continuada de Ourense pasa a ter asi atención continuada ás 24 horas ao longo de toda a fin de semana. Os sábados de 8.00 a 15.00 horas, atendido polos profesionais de garda dos devanditos centros de saúde, e posteriormente, polo persoal do PAC a partir de esa hora.

“Con esta medida excepcional, derivada da situación de emerxencia sanitaria, procúrase evitar a dispersión dos recursos humanos para a atención urxente básica, nunha das áreas mais poboadas da provincia, o que facilitará tamén a loxística na xestión de casos con sospeita de COVID-19 e a aplicación dos protocolos de activación e limpeza dos centros”, explica o Sergas.

Unha vez mais desde a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, “solicitamos a colaboración cidadá para respectar e cumprir as instrucións das autoridades sanitarias, manténdose na casa na medida do posible e evitando circular salvo para desprazamentos esenciais, reducindo así ao máximo os contactos sociais e posibilidades de contaxio”.

Ademais saliéntase “o compromiso do conxunto de profesionais da sanidade pública de Ourense de tódalas categorías, persoal de servizos xerais, celadores, administrativos, de xestión, sanitarios, facultativos e por suposto da cidadadanía cumprindo as medidas de autoprotección: extremar a hixiene de mans, limitando os contactos sociais e evitando acudir aos centros sanitarios para temas nos esenciais, ademais de respectando as medidas de contención ante infeccións respiratorias”.

Artigos relacionados

Back to top button