Seguindo unha fermosa tradición iniciada hai xa anos, A Pobra de Trives daba de novo a benvida ao Nadal co lanzamento de faroliños solidarios.
Na tardiña deste 23 de decembro numerosos veciños xuntábanse na praza do Concello para, pedindo os mellores desexos, botar a voar os faroliños que dende ben alto enchían o ceo de Trives de luces de cores.
O acto comezaba co intercambio de comida non perecedoira por faroliños, utilizando ese faroliño solidario como símbolo para fomentar a solidariedade e concienciando á sociedade da necesidade de axudar aos máis necesitados. De seguido, dende o balcón do Concello os concelleiros Aarón Álvarez e José Luis Vidal desexaban a todos os presentes “ás súas familias e seres queridos, un Nadal cheo de paz, amor e esperanza e que poidamos desfrutalo en compañía de todos aqueles aos que máis queremos e que cada un de nós atope un motivo para sorrir, para soñar e para seguir adiante con enerxías renovadas”, dixo Vidal.
En nome do Concello da Pobra de Trives “deséxovos un Feliz Nadal e un Próspero Aninovo e que o 2025 nos traia saúde, proferidade e sobre todo máis momentos de unión e solidariedade”, concluía antes da solta de faroliños.
Fotos e vídeos: O SIL.