ConcellosEntroido 2023TrivesÚltima hora

Os folións triveses despiden o Entroido co “Enterro da Sardiña”

 

Despois dun intenso Entroido, con rondas e visitas a diferentes localidades, os folións triveses dos Labregos, A Lardeira, A Caniceira e As Maceiras dicíanlle adeus á celebración co Enterro da Sardiña, que se desenvolvía na noitiña do Mércores de Cinza.

Cada ano encárgase da súa organización un destes catro folións. Desta volta tocáballe ás Maceiras, cuxos integrantes se encargaban de preparar unha saborosa e variada cea para despedir este tempo de troula: embutidos, fabada, panceta e costela asadas, acompañadas con viño e refrescos, e seguidas da tradicional bica de Trives. Non faltaban tampouco os licores nin o café.

Ademais no marco desta cea tamén se celebraban dous cumpreanos de dous nenos integrantes do Folión As Maceiras: Nicolás e Alejandro.

 

 

Tras a cea, que se desenvolvía en Santa Leonor, comezaba o ritual do Enterro da Sardiña no patio deste centro. A chuvia impedía a habitual procesión pola vila con paradas nos locais de hostalaría, pero os participantes daban dúas voltas coa sardiña arredor do lume, destino final desta estrutura. Con ela despedíase definitivamente o Entroido na vila de Trives.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button