OurenseÚltima hora

Os hostaleiros de Ourense, comprometidos coa convivencia veciñal

O goberno local buscará o equilibrio entre o exercicio dos empresarios, a oferta de lecer e o descanso dos veciños

Imaxe tomada durante a xuntanza no salón de plenos da Casa Consistorial. / Foto: cedida.

 

Os hostaleiros de Ourense solicitan mediación municipal para buscar a convivencia harmónica entre o seu traballo, o lecer e o descanso e comprométense a cumprir cos acordos municipais. Así o recollía o documento que presentaron hoxe, mércores 22 de xullo, nunha reunión no salón de plenos do Concello de Ourense que se solicitaron coa intención de “participar nas propostas, normativas, proxectos, ideas e convivencia veciñal”.

Á xuntanza acudiron a Unión de Hostaleiros Ourensáns (UHO), Cociña Ourense, Véxote nos Viños e a Asociación de Bares Especiais (ABE) representando aos hostaleiros. Como membros do Concello asistiron o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando; a de Comercio, María Dibuja e a de Seguridade Cidadá e Saúde, Eugenia Díaz.

 

A reunión entre os hosteleiros e o goberno local. / Foto: cedida.

 

Os hostaleiros presentaron un documento con diferentes peticións e compromisos. Solicitaron a modificación dos horarios de recollida de lixo e limpeza de rúas, a revisión dos horarios de peche e pediron a presenza policial para garantir o cumprimento dos horarios. Tamén preguntaron pola entrada en vigor da ordenanza anti-botellón e solicitaron que se fagan efectivas as sancións para aqueles locais que non cumpran coas normativas de ruídos, horarios e as novas medidas sanitarias. Na proposta, as asociacións comprometeronse a cumprir os acordos municipais e a pedir a todos os integrantes do sector que o fagan.

O goberno municipal estudará as peticións e afirman que garantirán en todo momento o equilibrio entre “o dereito lexítimo dos empresarios, a oferta de lecer e o descanso dos veciños, sempre dentro dos parámetros da legalidade vixente”.

Artigos relacionados

Back to top button