OurenseÚltima hora

Os maiores de Río aprenden a manexar as ferramentas dixitais no marco da Mobile Week Ourense

Estas xornadas ofrecen máis de 70 actividades nun amplo programa que inclúe talleres, charlas, conferencias, demostracións e formación para achegar a tecnoloxía, dun xeito accesible e amigable, á cidadanía

 

A segunda edición da Mobile Week Ourense, que se celebrará do 15 ao 18 de setembro, ofrece máis de 70 actividades nun amplo programa que inclúe talleres, charlas, conferencias, demostracións e formación para achegar a tecnoloxía, dun xeito accesible e amigable, a cinco tipos de públicos: infantil, mocidade, padres e educadores, sénior e profesionais. Un modo de que a cidadanía “poida identificar claramente aquelas propostas que están enfocadas ás súas particulares necesidades”, afirma o coordinador da Mobile Week Ourense, Fernando Suárez, que tamén destaca o deseño do programa baixo a premisa de que sexa “moi participativo”.

Para alcanzar un dos principais obxectivos desta iniciativa –loitar contra a fenda dixital achegando a tecnoloxía á cidadanía- a organización do evento apostou por agrupar as actividades en torno a perfís e segmentos de idade concretos. Pero, ademais, apunta Fernando Suárez, “procuramos encaixar estas accións de tal modo que cando o público infantil e xuvenil se interese por unha determinada tecnoloxía, os país e os educadores tamén teñan acceso a eses avances para poder guiar e asesorar a fillos e alumnos”.

Nesta liña, no programa de actividades (mweek.com/ourense-2022/) pódese comprobar como se mesturan as propostas, caso da aprendizaxe por gamificación (uso de xogos) e a realidade aumentada, ou o chamado VolunTIC, voluntariado tecnolóxico no rural. Pais e educadores tamén terán a oportunidade de profundar no impacto da tecnoloxía na adolescencia, cos riscos e oportunidades que implica, ou como educar contra as “fake news”.

Para os maiores, a programación foi deseñada pensando “nun punto de vista moi práctico e naqueles ámbitos que lle son máis interesantes”, sinala Fernando Suárez, citando cuestións como a seguridade nos móbiles, pautas de vida saudables, a tecnoloxía como medio para conseguir unha sociedade máis inclusiva, a teleasistencia ou a tramitación electrónica co DNI.

Nesa conexión entre actividades para diferente público tamén están incluídos os profesionais, que terán acceso a algunhas das propostas xa citadas, aínda que a organización ofrécelles a posibilidade de abordar outros contidos como a comunicación máis accesible no rural; a obtención de fondos europeos; o marketplace europeo; ou a intelixencia artificial no turismo.

Taller para maiores en San Xoán de Río

Neste ámbito da deslocalización e logo de que os escolares de Infantil e Primaria do Irixo gozaran dun contacontos sobre ciberseguridade, os seguintes protagonistas do programa previo á Mobile foron os maiores de San Xoán de Río, concello onde se celebrou un taller no que se explicaron conceptos básicos da internet e o uso de aplicacións para mensaxes instantáneos. Coa asistencia de máis dunha ducia de veciñas e veciños e ao longo de dúas horas, no taller falouse da transformación dixital da sociedade e de termos comúns na internet como a “nube”.

Os presentes, que tamén aprenderon a instalar aplicacións desde a “tenda”, dedicaron boa parte desta actividade a profundar no uso da ferramenta WhatsApp, practicando o envío de mensaxes, fotos, audios, contactos (mediante o escaneo dun código QR ou adxuntos nunha conversa), ou as chamadas e as videochamadas. Tamén se incidiu no envío ou compartición da ubicación, un aspecto de gran importancia cando se está a camiñar fóra de lugares habitados ou para casos de emerxencia, pois permite coñecer en tempo real onde se atopa unha persoa.

Capacidade para organizar máis iniciativas

A Mobile Week Ourense, que nace baixo a alianza da Deputación e Mobile World Capital Barcelona, ten ademais outra característica diferenciadora: a deslocalización. A dixitalización e unha importante ferramenta para loitar contra a despoboación no rural “e dado que o obxectivo é achegar a tecnoloxía á veciñanza apostamos por organizar actividades por todo o territorio”, destaca o coordinador da Mobile.

“E aínda temos capacidade para seguir organizando novas iniciativas, máis aló desas 70 iniciais programadas”, aclara Suárez, que recorda a todos os interesados a posibilidade de solicitar a celebración de actividades en concellos ou asociacións a través do enderezo electrónico mobileweekourense@depourense.es

 

Artigos relacionados

Back to top button