Os maiores do centro de día de A Rúa, centro que pertence á rede de centros de atención ós maiores da Xunta de Galicia, uníronse á loita contra a violencia de xénero con actividades especiais.
Durante o mes de novembro realizaron un mural para conmemorar o día internacional da eliminación da violencia contra a muller, baixo o lema “Que non che corten as ás”, exteriorizando así o seu rexeitamento á violencia de xénero, á vez que participaron en conversas sobre esta materia, co obxectivo de que os maiores se identificaran coa temática e se solidarizasen con ela, ademais de colaborar en equipo e fomentar a creatividade.
Tamén acudiron ás portas do Concello de A Rúa para participar na lectura de manifestos contra a violencia. Ademais desta actividade, o centro de día de A Rúa, que conta con 30 prazas para maiores, leva a cabo diversas terapias a nivel social, cognitivo e físico-funcional coas persoas que acoden diariamente, e tamén promove obradoiros e proxectos coa comunidade e interxeneracionais, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables, prevención da dependencia e promoción dun papel activo das persoas maiores na sociedade.



