Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas, foi o protagonista do apartado cultural do programa das Festas do Cristo 2024 do Barco de Valdeorras. É o autor do cartel; ten aberta unha exposición na Sala ABANCA; e tamén puxo o broche cos seus monicreques.
Na tarde deste luns 16 de setembro o Teatro Lauro Olmo acollía o espectáculo máis musical dos Monicreques de Kukas “Viva Vivaldi (1, 2, 3 e 4 estacións)”, a conmemoración do 300 aniversario da obra que serviu de inspiración para crear un espectáculo “no que representamos os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano con pequenas historias que valoran a importancia da amizade e das relacións afectivas e solidarias”, explican dende a compañía.
Cunha traxectora de máis de 40 anos, nestes últimos tempos Os Monicreques de Kukas levan acadado unha morea de premios e recoñecementos. Premio Galicreques 2021, Premio da Crítica de Galicia das Artes Escénicas 2020, Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas 2019, Premio Xiria ao labor teatral 2019. As marionetas están en museos e coleccións como o Museo Galego da Marioneta de Lalín, O Centro de Documentación de Títeres de Bilbao cedidas ao Museo do Teatro de Almagro e o Parque Temático dos Pobos de España de Kintetsu en Xapón.
Hoxe fixeron rir e pasar un bo rato a nenos e maiores no Barco de Valdeorras.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.