A maiores de degustar e mercar numerosos e variados produtos de Galicia e Portugal, a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico que en plenas Festas do Cristo está instalada á beira do Sil, no malecón do Barco de Valdeorras, ofrece unha serie de actividades para nenos e tamén adultos.
Na xornada deste sábado 10 de setembro era o turno dos máis pequenos, con dous obradoiros infantís gratuítos. Un deles era de pintura creativa impartido por ‘Deica Creacións’ e o outro, que tivo unha gran acollida completando todas as praza dispoñibles, era o de repostería impartido por ‘El mundo de Tara’.
A partir de ingredientes básicos como fariña e ovos, e outros máis específicos como plátanos ou pebidas de chocolate, Tara foi guiando aos pequenos para eleborar dun xeito rápido, sinxelo e seguro, un par de receitas moi doces.
Mañá tocaralle o turno aos maiores con outras dúas actividades: pola mañá, degustación de produtos tradicionais de Galicia e Portugal; e pola tarde, un showcooking-maridaxe.
Fotos: Mónica G. Bellver.