CulturaCulturaÚltima hora

Os nenos barquenses poderán desfrutar dunha pista de xeo neste Nadal

A concelleira de Cultura presentaba o programa actividades barquense nestas datas
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, co cartaz de actividades de Nadal./ Foto: Carlos G. Hervella.
A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, co cartaz de actividades de Nadal./ Foto: Carlos G. Hervella.

Música, cine, teatro e actividades para celebrar o Nadal do Barco. Serán os principais ingredientes da programación que se desenvolverá neste concello valdeorrés nas próximas datas festivas. Así o adiantaba en rolda de prensa a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, o 16 de decembro. “Trátase dunhas actividades promovidas polo Concello e por diferentes asociacións”, matizaba.

A música abría os actos na mesma tarde do 16 de decembro co festival de Nadal do Conservatorio do Barco e da Escola de Música. Ademais o 19 de decembro en torno ás oito da tarde terá lugar o tradicional concerto de Nadal do Orfeón Valdeorrés e da Banda de Música do Barco na igrexa de Santa Rita.

Outra das propostas será o campamento de Nadal que se desenvolverá do 21 de decembro ao 5 de xaneiro, un obradoiro de elaboración de carrozas de Reis, así como ciclos de cine infantil e para adultos. Asemade o 29 de decembro o Apalpador visitará a Biblioteca Municipal Florencio Gurriarán do Barco.

Unha das novidades deste Nadal é que no pavillón polideportivo de Calabagueiros se instalará do 30 de decembro ao 10 de xaneiro unha pista de xeo. “Formará parte do parque de xogos que instalará o Concello en colaboración coa Asociación de Empresarios de Valdeorras (AEVA) e co Barco Centro Comercial Aberto (CCA). A entrada custará 4 euros por sesión”, sinalaba Pizcueta. Aínda así, o establecementos asociados ao CCA repartirán invitacións para poder acceder de forma gratuíta entre os seus clientes o día 24 de decembro. O programa barquense incluirá tamén teatro, a proxección dun documental e a tradicional cabalgata de Reis na tarde do 5 de xaneiro.

Artigos relacionados

Back to top button