OurenseÚltima hora

Os novos espazos CreOu e visionado de vídeos, na biblioteca pública de Ourense Nós

As actividades para o público infantil volven ao longo do mes, con contacontos para bebés e cativada de ata 7 anos, e outras propostas para maiores desa idade

Biblioteca Nós, en Ourense.

 

A biblioteca pública de Ourense Nós pon en marcha os novos espazos CreOu, onde se amosará o labor das persoas creadoras de Ourense, e visionado de vídeo, para facilitar o desfrute de cinema e documentais no propio centro. Ademais, neste mes de outubro volven as actividades para público infantil, con contacontos e outras propostas para os diferentes grupos de idade, así como os obradoiros de cómic e os clubs de lectura.

Co novo espazo de visionado de vídeo, a biblioteca pon á disposición da cidadanía os medios para poder ver no propio centro cinema e documentais da rede de bibliotecas, a través de equipos de televisión e lectores blue-ray distribuídos nos andares primeiro e segundo. O servizo diríxese a maiores de 14 anos ou menores acompañados dunha persoa adulta que posúa o carné da rede de bibliotecas.

Pola súa banda, o espazo CreOu bota a andar coa creación Maruja, de María Luz Rodríguez. Trátase dun audio-conto que narra as experiencias na emigración dunha muller galega. Arredor del, dez artistas propoñen dez imaxes que lembran a historia. Prevese tamén un encontro coa autora e algunhas das persoas colaboradoras. Estará dispoñible ao longo de todo o mes.

Así mesmo, en outubro volven as actividades infantís Contiños con Susana, con sesións os martes ás 18 horas, dirixido á cativada de 4 a 7 anos, e os Bebecontos, á mesma hora, os xoves 13 e 27. O día 13 actuará Ramiro Neira, con Contos no berce, e o día 27, Olga Cuervo, con Mamá, papá, pipí.

Pola súa banda, a rapazada de 7 anos en diante poderá gozar de Os xoves son tardes de biblioteca, tamén ás 18 horas. A programación prevista arranca o día 7 coa obra teatral A alquimista, de A Cova das Letras. Na xornada do 14 será a quenda de As andainas dos Monifates e don Gaiferos, con Alberte Millán, e o 21, de Novas e vellas melodías, con Pablo Díaz. Esta sesión enmárcase na celebración do Día das bibliotecas. Finalmente, o 21 de outubro chegará Fátima Fernández co seu obradoiro bilingüe na lingua de signos Signos que contan.

No que respecta ao público adulto, poderá gozar dunha actividade conmemorativa do Día das Escritoras, 19, ás 19 horas, coa presentación do libro La extraña desaparición de Carolina Santomé, da man da súa autora María José Viz Blanco. Acompañaraa Jesús Garabato, que lle porá música ao acto co laúde. Ademais, na xornada do 29, tamén ás 19 horas, celebrarase o centenario do nacemento de Antón Tovar cun achegamento á figura deste poeta ourensán da man do profesor Manuel Zabal.

O obradoiro de cómic para maiores de 14 anos que se realiza os sábados alternos ao longo de todo o curso con Yago García é outra das propostas que retorna á programación do Biblioteca Pública Nós, así como os faladoiros en inglés e os clubs de lectura, de debate, de arte e de cinema.

Mostra homenaxe a Xela Arias

 

Exposición homenaxe a Xela Arias “Asinamos ser libres”.

 

No que se refire ás exposicións, en outubro chega ao centro ourensán a mostra da Xunta en homenaxe a Xela Arias conmemorativa do Día das Letras Galegas Asinamos ser libres. Estará a partir do día 15 despois de percorrer as bibliotecas de Santiago, Pontevedra, Lugo e A Coruña, xunto con outros espazos de toda Galicia.

A partir do día 19 tamén se poderá visitar a exposición de pintura Abrazos, da artista gráfica Marga Viz, e continuará a mostra bibliográfica instalada a pasada semana Mes dos libros perigosos: as autorías censuradas, enmarcada na Banned Book Week que organiza cada ano a American Library Association. O obxectivo é poñer en valor a liberdade de ler e de crear literatura, denunciando as ocasións nas que os libros son censurados. Así, a iniciativa vailles dar visibilidade ás persoas que tiveron que agocharse tras un pseudónimo para poderen publicar. Estará dispoñible ata o 20 de outubro.

Tamén continúa ata finais de outubro a exposición Noroeste cuarta oeste: rutas de ficción, unha mostra itinerante arredor de todas as manifestacións artísticas e enmarcada no programa Nortear a prol do reforzo dos vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Artigos relacionados

Back to top button