A provincia de Ourense elixe ao longo da xornada do 24 de maio, entre as nove da mañá e as oito da tarde, ás persoas que conformarán as corporacións locais nos vindeiros catro anos e os que serán os seus alcaldes. En total na provincia están abertas unhas 560 mesas e o censo ourensán inclúe a 272.377 electores. Os primeiros datos sobre a participación ofrecíanse ás dúas da tarde e amosaban unhas cifras inferiores ás de hai catro anos. Así, a participación nas eleccións locais do 2011 era na provincia de Ourense era, ás 14h., dun 39,17%, mentres que nas actuais rexístrase un 36,81%, segundo os datos oficiais. Esta menor participación dase tamén no resto das provincias galegas.
Durante a mañá íanse achegando aos colexios electorais os diferentes candidatos, tal e como poden verse nestas imaxes tomadas no Barco, onde aparecen, por orde cronolóxica de votación. os cabezas de lista do PP, Moisés Blanco; do PSdeG-PSOE, Alfredo García, de Riada Cidadá, Félix García, e do BNG, Jesús Vilsánchez. De seguido poden verse fotos de Ourense cidade, cos candidato socialista, José Ángel Vázquez Barquero, nacionalista, Susana García, Lito Prado de Anova e o popular Xesús Vázquez.
En xeral os candidatos animaron á participación nesta xornada electoral. Entre os que incidían neste aspecto estaba o cabeza de lista do PP en Ourense, Xesús Vázquez, quen destacaba que “é importante que a xente acuda a votar porque é un dereito que temos e que debemos exercer”. Pola súa banda, Susana García, número un do BNG en Ourense, incidía en que “hoxe é un día no que convidamos aos electores a participar, é o día no que se toma a decisión”.
Neste percorrido visual pola xornada electoral tamén se inclúen imaxes de varias mesas electorais no concello de Manzaneda, así como dos cabezas de lista dos partidos que concurren en Trives aos comicios: o popular Jesús Prieto, Francisco José Álvarez de ATI e Jorge Vázquez de SON de Trives.
Os datos do segundo avance de datos de participación farase a partires das seis e media da tarde.
Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez