OurenseÚltima hora

Os participantes no proxecto Bicidarios percorren en bici a ruta de Granada a Santiago con fins benéficos

 

A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Fernández, e o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiron no salón de plenos do Concello de Ourense o grupo que participa en Bicidarios, un proxecto que combina deporte e solidariedade, co que percorren o treito comprendido entre Albolote (Granada) e Santiago de Compostela. A expedición está formada por José Guardia e Manuel Casado, que realizan a ruta en bicicleta acompañados nun vehículo de apoio por Adelina Martínez e Inmaculada Aguilar que realiza a ruta formada por 1.139 quilómetros de percorrido divididos en 23 etapas. Saíron o 12 de agosto de Albolote, chegaron onte a Ourense a prevén rematar mañá, martes, 5 de setembro, na Praza do Obradoiro.

Trátase, explican, dun reto “no que cada quilómetro conta para facer visible e normalizar a diversidade humana e a solidariedade por medio do ciclismo. Neste camiño queremos facer visible a importancia do colectivismo fronte ao individualismo e chegar ao maior número de persoas posibles”, afirman. O lema da ruta é “Pedaleando xuntos pola diversidade e a solidariedade”.

Nesta viaxe recadan diñeiro para sufragar os gastos de tres grandes proxectos para 2024: dotar de material o Hospital Keur Moussa (Senegal) para que este centro xa construído poida iniciar a súa actividade, mellorar as instalacións do colexio Liceo de Hnenyedzi-kope (Lomé, Togo), e seguir proporcionándolles alimentos dignos a moitas familias que os necesitan, dentro do programa que a entidade desenvolve no seu propio municipio, que lle dá apoio a máis de 200 persoas de 35 familias.

Máis información no espazo web https://www.necesidadessinfronteras.org/bicidarios onde tamén se pode atopar a posibilidade para colaborar co “maillot cero” facendo achegas a unha conta en Caja Sur.

Artigos relacionados

Back to top button