DeportesKárateÚltima hora

Os pequenos do KC River Stone conseguen 8 medallas na Liga Galega de Karate Infantil, en Ferrol

 

Máis que satisfeitos están no KC River Stone do Barco de Valdeorras cos resultados colleitados polos seus pequenos na primeira xornada da Liga Galega de Karate Infantil celebrada este domingo 26 de decembro en Ferrol.

Participaban doce karatekas valdeorreses, en practicamente todas as categorías de kata, e lograban un total de 8 medallas. Cinco delas son de ouro: Brian Rodríguez en xuvenil iniciación; Enzo Prieto en cadete iniciación; Nazan Barreda en infantil avanzado;  e Cloe Yáñez e Diego Prada en infantil iniciación. Eric Rodríguez e Leyre Paradelo conseguían a medalla de prata en benxamín iniciación; e Manuel Blanco a de bronce tamén en benxamín iniciación.

 

Foto de equipo do River Stone do Barco.

 

No medalleiro, o River Stone sitúase no segundo posto, unha clasificación e un traballo en xeral que o adestrador, Nicolás Rodríguez, valora de forma moi positiva. “Trátase dun campionato experimental xa que é a primeira vez que se pon en marcha unha liga como esta en Galicia”, di, valorando tamén moi positivamente o sistema de dobre organización de cada categoría, “é dicir, que cada categoría estea dividida en iniciación e avanzado para dar máis opción de participación a máis competidores”. Ademais nesta ocasión, o sistema de competición parécese máis ao que realizan en Xapón. “Saíron dous competidores ao tatami á vez (en lugar dun só), algo que fai que a valoración dos xuíces non sexa tan precisa (porque teñen que valorar a dúas), pero en categorías base e de iniciación non é necesaria e si se axiliza a competición e mesmo axuda a ambos os competidores para facer o kata porque non están sós no tatami”, explica.

Nicolás recoñece que como en todo o que se pon en marcha, hai cousas que puntualizar e mellorar. “A aplicación para apuntar aos nenos non funcionou ben de todo, xa que houbo categorías que mesturaron aos competidores por falta de participación”, matiza, pero en xeral trátase dun proxecto ansiado e moi necesario, que por fin podía poñerse en marcha.

Nesta primeira edición contou con preto de 200 karatekas de toda Galicia que competiron por categorías, mantendo as medidas sanitarias pertinentes, desde as 10 da mañá ata as oito da tarde.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button