O recinto de Expourense acolleu esta mañá, venres, a roda de prensa de valoración previa do Rallye de Ourense, que se inicia esta tarde co tramo espectáculo ás 19:30h. Alí déronse cita os pilotos Cristian García, Adrián Díaz, Pedro Burgo e Sergio Vallejo, que fixeron un primeiro resumo das expectativas coas que parten. Deste xeito, algúns subliñaron a importancia que vai acadar nesta edición a meteoroloxía, moi cambiante nas últimas horas. “O tempo cambiante será a clave do rallye”, dixo Burgo, que fixo fincapé no risco de elixir ben os neumáticos.
Ante a pregunta de como ven eles mesmos a proba automobilística máis importante de Galicia, o actual líder da clasificación, Cristian García, explicou que buscará seguir co mesmo ritmo, aínda que destacou a dureza do tramo da Peroxa. No caso de Adrián Díaz, resaltou a novidade de Maceda, que tal e como recoñeceu entre risas, non é o percorrido que máis lle entusiasma: “o tramo urbano non é o que máis me gusta pero non vai tampouco a definir o que é o trazado”, concretou.
Por outra banda, Sergio Vallejo falou tamén do seu coche, do Citröen DS3, que asegurou estar “contento” co traballo feito e con “como se comporta o coche”, aínda que recoñeceu que “nos falta potencia para estar á cabeza”, valorou. O piloto ourensán tamén mostrou a súa aprobación aos cambios que hai nesta edición no tramo espectáculo, cun trazado que contará cunha pasada a maiores dos doutros anos.
Os catro pilotos mostraron o seu entusiasmo por participar no 49 Rallye de Ourense pero tamén se puxeron de acordo para lanzar unha mensaxe á FIA, en referencia á nova normativa. Así, pediron que se estabilice a situación e agardan que haxa unha normativa canto antes, de cara a poder preparar a tempada 2017 con tempo suficiente.
Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella