
O Colexio Oficial de Médicos de Ourense organizou na tarde de hoxe, 24 de outubro, unha xornada sobre menores e alcohol titulada: “Menores e alcol. Xornada de identificación precoz en actuación en Atención Primaria e outros ámbitos sanitarios”.
O obxectivo desta iniciativa foi o de coñecer e debater aspectos relacionados co consumo de alcohol nesta faixa de idade. Os diferentes relatores falaron dos efectos do consumo, as estratexias de identificación de menores en risco e as intervencións para evitalo, finalizando coa presentación dunha Guía de Prevención.
Así, os encargados de abrir o acto foron o presidente do Colexio de Médicos de Ourense, José Luis Jimenez; a técnico da concellería de Sanidade e Asuntos Sociais do Concello de Ourense e organizadora, Paz Villas e o concelleiro de Seguridade e Participación Cidadá Carlos Campos, que arrancou o relatorio apuntando que o 68% dos menores entre 14 e 18 anos beberon nos últimos días. Asemade apuntou que o 30% destes mozos fixeron un consumo de risco, é dicir, “beber alcohol en exceso” e que o inicio dun adolescente no mundo do alcohol é aos 13,8 anos.
O concelleiro asegurou que isto é “un problema de saúde pública”, xa que aumentan, dixo, “a probabilidade de teres accidentes, fracaso escolar e/ou deserción, condutas agresivas e/ou delictivas así como prácticas sexuais de risco”, informou.
Por este motivo organizaron esta xornada dedicada tanto a médicos como profesionais da enfermería, psicólogos, traballadores sociais…

As ponencias arrancaron da man de Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía Social e Profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que impartiu un relatorio titulado “Menores e alcohol: onte, hoxe e mañá”.
O seguinte relatorio versou sobre os efectos do consumo do alcohol e a maduración cerebral do adolescente, impartido polo doutor en Psicoloxía e Catedrático da materia na USC. Seguido del foi a quenda de Patricia Gómez, doutora en Psicoloxía Social e tamén profesora desta facultade na Universidade de Santiago, que falou sobre as estratexias de identificación precoz do consumo de alcohol dos adolescentes.
Seguidamente, o doutor en Medicina e especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, Joaquín San José Aranco impartiu un relatorio titulado “Adestramento en intervención breve, ‘Móllate co alcol”.
