OurenseÚltima hora

Os refuxiados, a infancia e as persoas maiores centrarán o labor de Cruz Vermella nos vindeiros meses

Máis de 26.000 persoas foron atendidas na provincia por Cruz Vermella no 2020/21 e máis de 8.000 participaron en actividades de sensibilización

 

O Comité Provincial de Cruz Vermella en Ourense mantivo onte unha reunión ordinaria na que se fixo un primeiro balance da actividade levada a cabo dende os diferentes proxectos no primeiro semestre do ano. Na súa intervención ante o Comité Provincial, Felipe Ferreiro afirmou que “se o 2021 estivo marcado polo apoio ás campañas de vacinación fronte á COVID e a atención ás persoas afectadas pola pandemia, o 2022 sumou a crise humanitaria de emerxencia de Ucrania, que intensificou o labor do programa de acollida temporal de persoas refuxiadas e solicitantes de asilo”. Ferreiro destacou a agradeceu as mostras de solidariedade e xenerosidade de entidades, empresas, administracións públicas, iniciativas particulares e cidadanía en xeral.

“Unha xenerosidade que seguimos vendo estes días a través da campaña do Sorteo de Ouro na que estamos inmersos, que terá a súa celebración o vindeiro 21 de xullo en Tenerife, e que o pasado ano deixou na provincia máis de 300.000 euros en premios, pero sobre todo axuda para as persoas máis vulnerables”, dixo.

 

 

O presidente provincial explicou que nos vindeiros meses os esforzos centraranse en ampliar o apoio a persoas refuxiadas, así como en intensificar a atención a persoas maiores no rural dende as asembleas comarcais, continuando con actividades de acompañamento para reducir a fenda dixital e paliar a soidade non desexada.

Ferreiro salientou o traballo do persoal técnico e voluntario dende todas as áreas, especialmente dende inclusión social, emprego, saúde e socorros, así como dende o Plan Responde, que deu resposta a máis de 11.000 persoas no 2021, e seguiu recibindo importantes apoios, poñendo como exemplo dunha das ultimas colaboracións a de Textil Lonia. Nesta liña de agradecementos, en diferentes áreas, recordou iniciativas como a de Cacho Pizza e a Orquestra Panorama no Carballiño ou as tradicionais xornadas de Danza Miriam, entre outras. En canto a eventos, aínda celebrados en formato reducido polas restricións da pandemia, sinalou as mesas de traballo sobre emprego verde ou emprendemento feminino, e a participación de Cruz Vermella no Pacto Social da Auga da Deputación de Ourense.

 

 

Un punto da orde do día foi a aprobación dos datos da Memoria de Actividades de 2021, que recolle o balance dos distintos programas desenvolvidos o pasado ano por Cruz Vermella na provincia. Na presentación dos datos, Ferreiro explicou que Cruz Vermella en Ourense atendeu de forma individual a máis 26.000 persoas dende os distintos programas e proxectos. A elas hai que engadir os máis de 8.000 participantes en actividades de sensibilización co entorno. Todas as accións de Cruz Vermella están vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, a Axenda 2030 que nos implica a todas e a todos para transformar o mundo, poñendo fin á pobreza, protexendo o planeta e avanzando pola senda da Paz.

Con estas accións “cambiamos as vidas de persoas de distintos colectivos, moitas delas en situación de extrema vulnerabilidade ou risco social: persoas maiores, infancia en risco de exclusión ou desamparo, persoas inmigrantes, persoas sen recursos, en situación de desemprego, sen rede de apoio social ou familiar, mulleres vítimas de violencia, persoas con problemas de saúde, persoas reclusas ou ex-reclusas, e calquera persoa que precisa do apoio da Cruz Vermella porque pasa un momento de dificultade. (adxuntas imaxes con datos por áreas de coñecemento e colectivos)”, dixo Ferreiro.

 

Artigos relacionados

Back to top button