En portadaEntroido 2023Última horaVídeos

Os ritmos, máscaras e danzas do Entroido do oriente ourensán toman Trives

Trece folións participaban na tarde deste domingo na 18ª xuntanza que organiza a Asociación Os Labregos en colaboración co Concello

 

Toques, máscaras e rituais dos Entroidos de boa parte do oriente ourensán tomaban na tarde deste domingo 12 de febreiro a vila de Trives. Ata 13 folións diferentes reuníanse nun desfile que organiza dende hai 18 anos a Asociación Os Labregos en colaboración co Concello. Desta volta adiantábase o horario e a xuntanza abríase co toque do folión anfitrión, Os Labregos, que, encabezado polos seus Boteiros, saía pasadas as tres da tarde da Finca da Barreira.

Dende aí iniciaba un longo percorrido que, enfiando pola rúa San Martín, continuaba despois pola zona vella de Trives e finalizaba na praza do Reloxo.

 

 

A partir de aí as diferentes sonoridades do Entroido do oriente ourensán ían apoderándose da vila: dende o poderoso toque de Buxán (O Bolo) acompañado da sorprendente danza das fermosas e vistosas Mázcaras, pasando polo da Veiga (coas máscaras da Morte ou o Charrelo), os toques dos folións de Chandrexa de Queixa, Os Viticultores (Vilamartín), Os Arrieiros (Petín), os triveses A Caniceira, A Lardeira e As Maceiras, ata os Boteiros que precedían tamén, abrindo paso, á comitiva da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, ao Folión de Carracedo da Serra (A Gudiña), Fradelo (Viana do Bolo) e á engaiolante danza as Mázcaras de Manzaneda ao son dun toque moito máis rápido e seguido que o do resto dos folións.

 

 

 

Esta xuntanza finalizada arredor das sete da tarde na praza do Reloxo. Despois, os membros dos folións participantes compartían unha merenda ofrecida polos anfitrións, Os Labregos, no pavillón polideportivo.

 

Ademais, a partir das oito da tarde estaba prevista a actuación da Orquestra París de Noia, na rúa San Martín de Trives. Con esta tarde tan intensa cobra forza o Entroido trivés.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

Máis fotos en:
https://osil.info/a-xviii-xuntanza-de-folions-de-trives-en-imaxes/

 

Artigos relacionados

Back to top button