DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Os Sequeiros, escenario do II Sendeiro Teatralizado do verán en Trives

Tivo lugar na noite do pasado mércores 7 de agosto e acadou moito éxito

 

 

Na noite do pasado mércores 7 de agosto, os camiños dos Sequeiros actuaron como escenario improvisado do II Sendeiro Teatralizado do verán en Trives. Baixo o nome de “Ruta das Tradicións nos Sequeiros, os asistentes saían dende a igrexa de Pena Folenche ás 21:00 horas. Así, contouse coa colaboración de Protección Civil para acompañar á gran afluencia de participantes durante todo o percorrido.

O guía do grupo recibía aos asistentes e deu comezo a este roteiro no que o fío conductor foi unha viaxe no tempo de tres astronautas despistados polo “Google Space Maps”, tentaban viaxar á Nebulosa Trifida, pero o autocorrector do Google Maps enviou aos participantes á néboa trivesa. A Nebulosa Trífida está a uns 5 500 anos luz da Terra, e foi descuberta no 1750 polo astrónomo francés Guillaume Le Gentil.

Os astronautas comenzaron a camiñar desorientados e encontráronse con Traxano e súa axudante. Traxano foi un emperador romano que viviu a cabalo dos séculos I e II d.C. Nacido en Hispania, foi coñecido polas súas reformas legais e numerosas obras públicas, entre as que se destaca a construción da ponte Bibei na Pobra de Trives. Durante o seu mandato o Imperio romano acadou a súa máxima extensión.

 

 

De camiño aos Sequeiros atoparon a dúas mulleres observando un antiquísimo mapa, eran Exeria e a súa soror. Exeria foi unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa. Esta obra é un valioso libro de viaxe e unha xoia para os estudios filolóxicos. Todo parece indicar que naceu na Gallaecia no s. IV d.C. “nas ribeiras máis afastadas do océano occidental”.

Estes astronautas seguiron o camiño, cada vez máis sorprendidos pola súa viaxe no tempo, e xa nos propios Sequeiros eran interpelados por dúas monxas medievais inspiradas nas abadesas de Sobrado deTrives que ao longo da Idade Media convertéronse en señoras de terras e vasalos, en definitiva, en auténticas señoras feudais, con amplas propiedades e vínculos familiares por toda a contorna. O convento de Sobrado estivo en funcionamento hasta o s. XVI, cando as monxas foron forzadas a aceptar a orde de que todas as monxas bieitas de Galicia se reunisen no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares.

 

 

Alí os participantes colleron forzas con bica de Trives e refrescos para continuar a súa viaxe especial, e xa de camiño toparon con dúas mulleres facendo xastreu. Este é un licor de herbas maceradas en augardente, que toma o seu nome e receita da abadia francesa de Chartreusse, nas cercanías de Grenoble, Francia.

A chuvia non quixo perderse o espectáculo e sumouse á festa nese intre, pero o público mantivo a súa atención ante a seguinte historia. Un soldado francés, unha paisana e un abade discutían sobre a baralla de cartas. Son os tempos da guerra da independencia, onde todo o país galego se converte nunha guerrilla contra o invasor francés. Mesmo a Igrexa entregouse en favor da loita; colgáronse hábitos e sotanas e empuñáronse as armas. O abade Joaquín Casanova foi un deles, actuando na área Pobra de Trives e dificultando o avance das tropas francesas desde O Bierzo cara o interior de Galicia. Membros desta familia chegaron a ostentar o marquesado de Trives décadas despois.

Fotos: Concello da Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button