PolíticaÚltima hora

Os socialistas vianeses organizan unha andaina reivindicativa para pedir o arranxo da estrada de San Agustín

Partirá ás dez da mañá do 1 de xullo dende o Toural e chegará ata San Agustín
Aspecto do firme da estrada de San Agustín./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende o Toural, ao pé da escultura do Boteiro, partirá o domingo 1 de xullo ás dez da mañá a andaina reivindicativa que organizará o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo para reivindicar o arranxo da estrada de San Agustín. Dende aí continuarase pola estrada ata o cruce da de Penouta e o traxecto finalizará en San Agustín.

Esta iniciativa súmase ás xestións que veñen realizando dende este partido político para pedir a mellora deste vial. “No pleno celebrado o 24 de maio, os socialistas presentaron unha moción para a creación dunha comisión con tres integrantes dos tres grupos con representación municipal, tendente a manter xuntanzas coa Xunta, Deputación de Ourense, Endesa e máis a alcaldía de Viana, para darlle unha solución axeitada ao grave estado no que se atopa a devandita estrada”, indica o PSdeG-PSOE de Viana nun comunicado.

Os socialistas vianeses destacan a importancia desta vía de comunicación, que conecta “máis de 20 localidades, cunha poboación estimada de 900 persoas que transitan diariamente por ela. Tamén é utilizada polos autobuses escolares. O seu estado é lastimoso, chea de fochancas, maleza que a invade, xerando verdadeiros problemas de seguridade, ca agravante da incomodidade e perigo, sobre todo, para os nenos na idade escolar”, aseguran.

Artigos relacionados

Back to top button