OurenseÚltima hora

“Os tempos mortos do Führer”, a webserie realizada por alumnos do CIFP A Farixa que reta á pandemia

O alumnado de 2º de Produción de Audiovisuais e Espectáculos está a realizar esta obra, con factura profesional, para poñer en práctica os seus coñecementos

O equipo na rodaxe do teaser.

 

Que facía Hitler nos seus ratos libres? Esta é a cuestión que resolverá Os tempos mortos do Führer unha webserie satírica de dez capítulos sobre a vida máis íntima de Adolf Hitler na que quedará á vista a súa cara oculta, os seus enredos, problemas e momentos de distensión.

A actual situación de pandemia non merma a ilusión dos seus produtores, cinco estudantes do Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos do CIFP A Farixa, en Ourense, que asumen este reto con ambicións profesionais, dispostos a converter o proxecto en realidade a pesar dos impedimentos. “As dificultades xeran oportunidades”, aseura Elisa, directora de produción, e parte, xunto a Uxía, Gemma, Javier e Antía, da produtora ficticia Conxuro Producións.

 

Ensaios.

 

Tal como explican dende a devandita produtora, a rodaxe de Os tempos mortos do Führer estaba prevista para finais de febreiro pero tivo que ser aprazada polas restriccións. Un imprevisto que, lonxe de truncar o desenvolvemento do proxecto, serviu para dar forzas ao equipo e ampliar os seus obxectivos, tanto na búsqueda de financiamento coma no traballo de produción e dirección. De feito, dende o equipo apostaron pola gravación do teaser no mes de marzo para ter unha primeira toma de contacto e amosar ao público e ás diversas entidades, os avances do proxecto e a súa calidade.

 

Equipo traballando.

 

O que naceu como un proxecto educativo dun módulo do ciclo, estase así a converter nunha webserie de factura profesional que conta no seu equipo con grandes nomes do sector. O actor protagonista, Héctor Martínez, é colaborador habitual de Sarabela Teatro e participou no filme Luarada, de Óscar Doviso. José Manuel Mao, pola súa banda, terá tamén un papel fundamental na webserie xa que se meterá no papel de Hans Franz, a man dereita de Hitler. Participou en diversos proxectos entre os que destacan Lavilledieu, Un Mundo Feliz ou Luarada. Tamén forma parte do equipo artístico Elena Seijo, cofundadora de Sarabela Teatro que xonta cunha ampla experiencia tanto teatral como audiovisual, traballando en producións de ámbito nacional como Vis a Vis, La Valla ou El Desorden que dejas.

A dirección e a dirección de fotografía estarán a cargo de Daniel Rodríguez, ex alumno do CIFP A Farixa, con traballos de calado como a webserie Válgame Deus (Galicia), a curta Another Luna (EEUU) ou videoclip Tierra de Nadie (Galicia). Luca Yohan Silva Lamy será o encargado de crear unha ambientación acorde a época baixo o cargo de director artístico. Estivo en proxectos como O que Arde onde exerceu de axudante na dirección artística. Ademáis participou en producións de ámbito nacional como a serie La que se avecina ou Vivir Sin Permiso e de ámbito autonómico como Serramoura.

 

Héctor Martínez no papel de Hitler, antes da rodaxe.

 

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button