En portadaÚltima hora

Os toques de trece folións envolverán Trives o 24 de febreiro

Este encontro, que organiza o Folión Os Labregos, cumprirá o seu 15º aniversario o vindeiro domingo
O Folión Os Labregos, tocando nas proximidades da praza do Pilón no encontro do pasado ano./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Unha boa mostra das diversas máscaras e ritmos do Entroido do oriente ourensán darase cita o vindeiro domingo 24 de febreiro en Trives. Ata trece folións participarán na xuntanza que promove dende hai quince anos o Folión Os Labregos. Nesta ocasión o desfile partirá ás 15:30h. da tarde dende a Finca da Barreira. Os primeiros en desfilar acostuman ser os anfitrións.

A partir de aí poderán verse outros tres folións triveses (A Caniceira, A Lardeira e As Maceiras) e outros nove chegados de fóra. Será o caso do Fulión de Manzaneda coas súas Mázcaras, do de Fradelo (Viana do Bolo) cos Boteiros, do folión de Buxán (O Bolo) precedido tamén pola danza das súas coloristas Máscaras, da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, do folión de Carracedo da Serra (A Gudiña), dos Arrieiros de Petín, dos Viticultores (Vilamartín) e dos folións de Queixa e A Veiga.

O desfile concluirá, tras pasar polo casco antigo, na praza do Reloxo. Na organización deste encontro de folións Os Labregos contarán coa colaboración do Concello de Trives.

 

As Máscaras de Buxán (O Bolo), danzando durante o desfile do pasado ano en Trives./ Foto: Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button